Os Ingleses pasa por enriba do Lalín, 67-0

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

David Lema estréase como adestrador cunha agardada vitoria na apertura da Liga

09 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Os Ingleses e Coreti Lalín cinguíronse na tarde do sábado ao guion que lle outorgaba ao primeiro o papel estelar e ao segundo o de comparsa no seu partido de apertura da Liga de Primeira Autonómica 2018/19. O novo adestrador do conxunto vilagarcián, David Lema, abríu cun contundente 67-0 a súa etapa á fronte do banquiño de Fontecarmoa, nun duelo no que o vixente subcampión de Liga impuxo a lóxica ante un rival tan aguerrido e constante como falto de experiencia.

Consciente de que as súas remotas posibilidades de sacar algo positivo da capital arousá pasaban por tentar levar a iniciativa, o Coreti Lalín saíu en tromba ao campo do Estadio de Atletismo de Fontecarmoa. Unha aposta que non tardou máis de doce minutos en virse abaixo con cadanseu ensaios de Juan e de Bosnio, con transformación de Pintos redondeando a segunda acción de cinco puntos local.

Juan e Pintos elevaron a vantaxe a 19-0 mediada a primeira parte, chegándose ao descanso con 33-0 (Piraña e Manu) logo de quedar o Lalín con trece no campo pola reiteración de infraccións e por unha placaxe perigosa.

Marcos e Biris, cunha transformación de Pintos, exprimiron a superioridade temporal dos Ingleses nos cinco primeiros minutos da reanudación para levar o seu equipo ao 45-0. Manolito, Bosnio (2) e Gambita asinaron os ensaios restantes, con Brea transformando o último.

Este foi o primeiro quince en partido oficial da era Lema: Róber, JJ e Biris; Maverik e Marcos; Xoán, Piraña e Gambita; Jairo e Brea; Pintos e Manu; e Manolito, Juan e Bosnio. A claridade do marcador permitíulle a Lema empregar tamén a todos os seus homes de refresco: Cilin, Jorge, Álvaro, Fran, Javi, Romo, Dovi e Bocana.