O C.R. Mecos recupera a súa traíña feminina para a Liga xunto a Coruxo

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

RemoA competición de mulleres pasa de cinco a oito barcos, polos 22 entre as dúas división masculinas

12 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Completado o primeiro prazo do pagamento da cota de inscrición, a Liga Galega de Traíñas comunicou onte os nomes das embarcacións con dereito a disputar as súas tres competicións a vindeira tempada 2019; isto é, as divisións A e B da LGT Masculina, e a LGT Feminina.

Os responsables da asociación organizadora da Liga felicitáronse polo novo incremento do número de embarcacións un ano máis. Desta volta, no caso da competición feminina. Non en van, esta pasa das cinco traíñas da edición do 2018, ás oito que cumprimentaron a correspondente inscrición para o curso que vén. Entre elas, a do C.R. Mecos-Coruxo-Isabel. Co club grovense recuperando dous anos despois unha tripulación de mulleres no barco rei do banco fixo. Desta volta, formando alianza con Coruxo.

Haberá que ver se o C.R. Mecos-Isabel consegue volver coa forza suficiente para reclamar o cetro autonómico que conquistara no 2017, cando xunto con remeiras do C.R.N. Ribeira, gañaron con suma suficiencia a Liga Galega de Traíñas Feminina impoñéndose nas súas cinco regatas puntuables. Unha tiranía que o C.R.N. Ribeira prolongou, xa en solitario, o ano pasado, calcando o cinco de cinco ao termo da tempada.

O C.R.N. Ribeira será un dos catro equipos en competición que repita na LGT Feminina 2019, xunto co C.R. Salgado-Perillo, co C.M. Mugardos, e co C.R. Cabo da Cruz; este último, asociado no curso anterior coa Pobra. O C.R. Cuca-Vilaxoán é a única baixa, coa S.D. Tirán, co C.M. Bueu Teccarsa e co C.R. Chapela sumándose a o C.R. Mecos-Coruxo-Isabel coma novidades.

Tirán, o rival a bater

Polo que respecta á LGT-A, Mecos-Isabel, Amegrove e Cuca-Vilaxoán volverán remar nunha liga con doce traíñas. Coa S.D. Tirán, descendida da ACT, como teórico rival a bater. A S.D. Samertolameu-Oversea, C.R. Ares, C.M. Bueu-Teccarsa, C.D.M. Mera, C.R. Rianxo, C.R. Puebla, C.R. Cabo da Cruz B e o C.R. Muros completan a lista de traíñas da LGT-A. Na B serán dez as que busquen o ascenso directo e a posibilidade dunha segunda pasaxe en primeira vía play-off; co C.C.D. Cesantes como novidade, suplindo a baixa do C.R. Vixe da Guía.