
O conxunto arousán volveu ter na súa man o triunfo, deixando fuxir dúas situacións de franca vantaxe para mellorar o seu 3-3 final ante o San Sebastián de los Reyes
12 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.Visitaba na mañá do domingo o Pavillón Municipal do Pombal o cuarto clasificado pola cola da táboa, o San Sebastián de los Reyes. Unha das mellores ocasións para que o Cambados T.M. asinase a súa xa urxente primeira vitoria na Superdivisión, con tan só catro xornadas máis por diante. Pero inda que o tivo nas súas mans, o equipo arousán non foi quen de rematar a faena, conformándose cun empate, 3-3, o sétimo nos seus 17 encontros de Liga na máxima categoría do tenis de mesa español.
A cousa comezou torcerse cando no primeiro emparellamento Javier Soria deixou escapar as súas vantaxes no segundo e no terceiro xogos, logo de gañar o primeiro, perdendo co xaponés Takumi Ichinose 1-3. José Manuel Ruíz impúxose a Ramón Echanove no único duelo completado en tres xogos. Fernando Padín deixou fuxir logo as opcións de vitoria local desperdiciando un 2-0 ante Rafael de las Heras (2-3 final, con derrota 1-3 no quinto emparellamento ante Ichinose), e Soria e Ruíz amarraron o empate cun 3-2 e cun 3-1 sobre Echanove e sobre De las Heras, respectivamente.