De como cantaba o carro

AROUSA

MONICA IRAGO

Non haberá outra xeración que sufra un cambio tan espectacular coma a nosa

17 mar 2019 . Actualizado a las 13:11 h.

Non creo que se repita unha xeración como a miña -esa da segunda metade do século XX-. Virán outras que acadarán mundos mellores, pero un cambio tan espectacular neste recuncho do universo coma o que vivimos nós, non ocorrerá se a Humanidade segue como debe. Falo da experiencia da xente da aldea, de aldea illada, coma a miña. Tocounos pasar da economía de subsistencia á realidade presente, xa integrados no primeiro mundo. Só nuns cincuenta anos: unha revolución calada para fuxirmos da pobreza social e económica e para alcanzarmos un mundo envexable. No mar mudamos de dornas a vela a embarcarnos en barcos factoría e na terra de carros e arados de madeira tirados por vacas á mecanización e á comercialización do producido. Sobreveu todo nun abrir e cerrar de ollos, aínda que a dureza non permitira observar o avance, porque no día a día ata se presumía da pobreza: porfiar se para o eixe do carro era preferible o meu ameneiro ou o teu carballo; ou gabarse de cal cantara mellor. Querido lector: vostede sabe como canta o carro?... pois, a verdade, naquel cosmos pechado parecíanos importante. Encerrados naquel mundo, escravos no mar e serventes na terra, só pola necesidade de sobrevivir. E todo con causa nas circunstancias sociopolíticas que condenaban á poboación das aldeas á miseria. Non cambiou a xente, mudáronse as circunstancias. Que unha familia, ben mediado o século XX, precisase da matanza e da conservación da carne nun salgadoiro, era penuria que non dependía de vontades individuais. Calquera de nós, se tivese o arte e os coñecementos de Neira Vilas, puido ter escrito Memorias dun neno labrego como autobiografía. Xosé Manuel Beiras fixo tres edicións da súa achega fundamental, O atraso económico de Galicia. Este ensaio recoñécese como unha análise cumprida do atraso discordante de Galicia co resto de Europa en parte do século XX. Nestes días estiven a ler Historia das historias de Galicia, de Isidro Dubert et al. E eu, que tiña á obra de Beiras e á contribución de Carlos Otero, Ideas para o desenvolvemento económico de Galicia, pola biblia, topeime coa visión científica da actualidade en dous traballos de E. López Iglesias e de L. Fernández Prieto, alí recollidos, que manteñen que hoxe o atraso de Galicia é un mito para desterrar; unha constatación, din eles, na busca dun autor que explique, do mesmo xeito que Beiras ou Otero Díaz analizaron o atraso, a actual situación de Galicia coa súa grande transformación nos últimos cincuenta anos. Un orgullo, por termos chegado aquí en tan pouco tempo grazas á loita constante e ó traballo diario do colectivo asentado nesta terra. Faga favor, lector: mire ó redor e presuma. E a seguir, que agora xa estamos en situación de pensar mais ca en poder comer.