Todos observamos que para que o Poder asuma como súa calquera cuestión, preexiste un proceso semellante: primeiro, a idea; despois un grupo social que abandeira a loita, empapando á cidadanía; e, por fin, o inmobilismo do Poder cae derrotado. Así ocorreu co movemento ecoloxista, coa igualdade de xénero ou coa memoria histórica. Unha das batallas nas que hoxe hai asociacións a combater, a piques de gañar, é a da igualdade dos discapacitados. O Goberno de España, ao convocar as vindeiras eleccións, deixou no tinteiro a imprescindible modificación do artigo 49 da Constitución. A feitura desta norma inspirouse na Declaración dos Dereitos do Deficiente Mental, de 1971 e na dos Dereitos dos Minusválidos e no artigo 71 da Constitución portuguesa. Todas elas, de hai mais de corenta anos, baseadas en concepcións superadas. Se viviramos nun mundo racional e ideal, non se reformaría ese desafortunado precepto: suprimiríase, eliminaríase por ser un grito ofensivo que recoñece a existencia de diferenzas. Esa norma quedou obsoleta e dá vergoña; lida hoxe é un oprobio para a nosa moderna Lei de leis. Utiliza a ignominiosa locución «diminuídos físicos, sensoriais e psíquicos» e propón para eles «previsión, tratamento e rehabilitación». Non se pode aturar mais tempo esta redacción. No 2008, España ratificou a Convención Internacional de 2006 da ONU sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade. Desde esa, houbo avances como o da modificación do dereito ao voto, que permitirá uns novos cen mil votantes nestas eleccións, ou a Lei Xeral de Dereitos das Persoas con Discapacidade de 2013. Para adaptarnos a ese convenio quedan proxectos en marcha referidos a cuestións civís, educativas e de seguridade social. Os novos lexisladores tomarán o temón das reformas para lograr a plena igualdade de tódalas persoas. Pero a durísima realidade é que a anticuada e agraviante redacción do artigo 49 da Constitución segue aí, adornada da pompa e da forza de toparse no cumio normativo. Calquera cidadán esixe do Poder a satisfacción dos seus dereitos: medicina, educación, xustiza. As persoas con discapacidade son cidadáns iguais ca os demais, con dereitos e coa posibilidade de esixilos -por que teño que dicilo?-. Non hai razón para que sigan aparecendo na Constitución española, mesturados nun totum revolutum, chamándolles diminuídos físicos. Inxustificable tanto atraso. O funesto artigo 49 da Constitución española, di: «Os poderes públicos realizarán unha política de previsión, tratamento, rehabilitación e integración dos diminuídos físicos, sensoriais e psíquicos, aos que prestarán a atención especializada que requiran e ampararanos para o goce dos dereitos que este Título outorga a todos os cidadáns». Unha cousa que me vén á cabeza: E se un quedase, por enfermidade ou lesión, discapacitado, deixa de ser igual?