Real Madrid, Villarreal e Celta abren o cartel do AF7 2019

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

A escola mexicana do club vigués buscará tamén praza na fase previa da Semana Santa

11 abr 2019 . Actualizado a las 21:00 h.

Tras protagonizar un fin de 2018 de titular en titular logo do anuncio do seus responsables da saída do campionato de Vilagarcía, sede desde a súa fundación, o Torneo Internacional Alevín Arousa Fútbol 7 levaba máis de dous meses desaparecido da actualidade informativa. Desde que o 30 de xaneiro a asociación que preside Manolo Diz desvelara o Campo da Senra como novo escenario do seu produto, e o Concello de Ribadumia no rol de palanca institucional municipal. Onte a organización do AF7 reactivou as súas canles de comunicación para desvelar os nomes dos tres primeiros equipos convidados e confirmados no cartel da fase final da súa próxima edición, a que se disputará do 31 de maio ao 2 de xuño no mencionado campo.

Villarreal, Real Madrid e Celta son os tres conxuntos que terán a oportunidade de ampliar o seu palmarés no torneo. O primeiro, en calidade de defensor do título. O segundo, co cartel de club máis laureado do AF7, o único con catro títulos, pero sen volver erguer o trofeo de campión desde hai xa case 14 anos -2005-. E o cadro vigués, gañador en 1997, cando inda resultaba imposible prever ata onde chegaría unha cita alevín considerada hoxe entre as mellores do planeta.

Como recoñecemento ao Villarreal polo seu título do 2018, a organización elixíu para ilustrar o cartel da fase final deste ano o porteiro do seu equipo de Primeira División Sergio Asenjo, participante na edición do 2001 do AF7 nas filas do Real Valladolid alevín.

1.500 deportistas en catro días

O anuncio dos tres primeiros conxuntos confirmados prodúcese a unha semana do inicio da fase previa da que sairán os catro nomes que acompañarán os 16 equipos grandes convidados pola organización á fase final. Do 18 ao 21 de abril, 80 escadras de España, de Portugal e de México pugnarán polo gran premio dunha previa que mantén o seu tradicional formato de dúas quendas, con 40 equipos competindo o Xoves e Venres Santo por dúas prazas nas fase final, e outros tantos o sábado e o Domingo de Resurrección polo par restante.

Desde o Torneo Internacional Alevín Arousa Fútbol 7 fálase de case 1.500 deportistas os que pasarán durante os catro días da vindeira semana polo terreo de xogo de herba artificial do complexo da Senra -a fase final xogaráse no de herba natural-. Entre os equipos en lid, o Celta Campeche, escola do club vigués na localidade mexicana da rexión do Yucatán. De Arousa serán quince os equipos participantes na fase previa. O xoves e venres o Vilagarcía, San Martín A e B, Umia Lareka, C.D. Ribadumia A e B, Meaño, AF7 e Juventud Cambados B; e o sábado e domingo o Catoira, Unión Grove A e B, Ulla Pontecesures, E.D. Arousa e J. Cambados A.