O Juventud Cambados dá a sorpresa e xogará o cadro final do AF7

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

O equipo arousán pasou a fase de grupos como primeiro nun empate triplo e as 3 roldas directas seguintes a penaltis. O Ural volve triunfar nunha previa que remata hoxe

20 abr 2019 . Actualizado a las 20:11 h.

O Torneo Internacional Alevín Arousa Fútbol 7 coñecerá a primeira hora da noite do domingo os dous equipos que completarán o cuarteto de campións da fase previa, premiados con cadansúa praza na fase final do campionato que se disputará do 31 de maio ao 2 de xuño no Campo Municipal da Senra de Ribadumia. Na noite do venres o Ural C.F. e o Club Juventud Cambados gañaban as prazas en xogo na primeira quenda da previa, que como a segunda contou con 40 aspirantes.

O do Ural C.F. non deixou de entrar dentro da normalidade. Convertido nun dos dominadores das últimas edicións dunha fase previa que vive a súa decimoitava edición, o cadro coruñés non tivo rival, gañando os seus sete partidos en Ribadumia. Os catro da fase de liguiña, con un +17 no capítulo de goles a prol e en contra, e derrotando a escola mexicana do Celta en Campeche (3-0), o Alondras (2-0) e o Victoria C.F. (1-2) nos cuartos, semis e final, respectivamente.

Outro conto foi o do C.J. Cambados. Lonxe de aparecer entre os candidatos firmes ao billete para a fase final, o conxunto da vila do albariño soubo saír airoso do seu tortuoso camiño. Primeiro, como primeiro clasificado no Grupo F empatado a tres triunfos coa E.F. Luis Calvo Sanz e co damnificado do trío, o Victoria C.F. B. E despois, superando cada eliminatoria a vida ou morte na quenda de penaltis logo dos seus empates coa U.D. Santa Mariña (1-1 á conclusión do tempo regulamentario), nos cuartos de final, coa E.D.C. Verín (0-0), nas semifinais, e de novo ante a E.D. Luis Calvo Sanz, coa que igualou a uns logo de tela superado o día anterior cun 0-2 na liguiña.

A fase previa conclúe cunha nova xornada maratoniana, que arrinca ás nove da mañá e rematará coas dúas últimas finais a primeira hora da noite.