A organización do AF7 supera o cambio de sede «moi satisfeita» e coa «enerxía renovada»

AROUSA

MARTINA MISER

Os responsables do torneo salientan a continuidade do tirón da previa, e a estreita colaboración do Concello de Ribadumia

23 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

As dúbidas arredor do impacto do traslado do Torneo Internacional Alevín Arousa Fútbol 7 desde as súas sedes históricas de Vilagarcía, o Manuel Jiménez na fase previa, e o Estadio da Lomba na final, aos campos ribadumienses da Senra quedou disipada ao longo dos catro últimos días da Semana Santa. O voceiro do campionato, Alberto Diz, valoraba onte a primeira edición da fase previa fóra da capital arousá. E dificilmente podería ser máis positiva.

«Estamos moi satisfeitos, moito. O ambiente que se vivíu, coa axuda do tempo, foi extraordinario. A afluencia de público non baixou das nosas expectativas», comenta Diz, que cifra entre 4.000 e 5.000 os afeccionados que pasaron pola grada do campo de herba sintética da Senra ao longo das catro xornadas da previa. «Máis ou menos os que ían ao Manuel Jiménez», sinala.

Ademais do impacto do campionato, a outra gran dúbida era coñecer a capacidade do Concello de Ribadumia para respostar ás necesidades loxísticas do AF7, e a súa coordinación coas decenas de persoas que traballan na súa organización como parte da asociación titular. E aquí o balance é igual de positivo. «Nós intuiamos que iamos contar moito co Concello, pero cabía a dúbida ata que se celebrase o torneo», di o seu voceiro. «O Concello redobrou as súas quendas de limpeza, puxo seguridade dentro e fóra do campo...» e ademais puxo a disposición do torneo o pavillón polideportivo anexo, que «lles dá un servizo descomunal aos equipos. E non hai campo coma este na comarca de coidado, ata o detalle, cunha bancada como a que ten», salienta Alberto Diz.

Por todo o anterior, «estamos moi contentos e satisfeitos, moito; e o noso novo compañeiro, o Concello de Ribadumia, tamén», afirma o voceiro do AF7, quen engade que «está a ser un ano máis relaxado, pola falta de conflitos. A enerxía», subliña, «renovouse» entre os integrantes da asociación titular do torneo, en clara referencia, sen alusións directas, ao choque que rematou rachando as relacións entre o Arousa Fútbol 7 e o goberno local de Vilagarcía, e derivando na mudanza a Ribadumia.

A guinda a todo o anterior púxoa a calidade deportiva dos equipos e dos partidos da 18ª. edición da previa, sobre todo os da segunda quenda, co E.D. Val Miñor e co C.D. Xuventú Oroso sumándose na noite do domingo ao Ural e mais ao C.J. Cambados na fase final tras derrotar o C.D. Quirinal A (4-5) e o C.D. Calasanz A (3-0), respectivamente. «Houbo moito nivel, sobre todo nunha segunda quenda dos lotes de 40 equipos con máis calidade dos últimos anos na previa», sostén Alberto Diz. Tanto a nivel colectivo, como individual, cun fato de futbolistas «que na fase final van sorprender os equipos grandes, e os van querer levar», pronostica coa súa dilatada experiencia no torneo como aval.