O lugar no que comezan a pasar cousas

Por primeira vez en moito tempo, o campo electoral preséntase aberto no corazón da bisbarra do Salnés


meaño / la voz

Ninguén asegura a maioría absoluta do Partido Popular en Meaño. Nunha pugna electoral aberta como poucas veces se lembra no municipio arousán, catro forzas tentan gañar poder de decisión en Meaño, ou conservalo, no caso da gaivota. Estas son as apreciacións dos aspirantes a manexar o bastón de mando.

-Están vostedes dispostos a pactar para formar goberno? De ser así, con quen e baixo que condicións?

-Carlos Vieites (PP). Son unha persoa á que lle gusta moito o diálogo. Gústame escoitar a cada un dos meus veciños e estou seguro que nestas eleccións prestaranme o apoio necesario para gobernar Meaño cunha maioría suficiente. Con todo, o noso modo de gobernar basearase sempre na proximidade e no diálogo.

-José Aspérez (Meaño Independente). É unha resposta doada. Nós traballamos dende hai tempo para que Pepe Varela sexa de novo concelleiro, e Pepe Varela vai no número sete. Ou sexa, o número da maioría absoluta. Ese é o noso obxectivo.

-Ana Belén García (PSOE). Pode que sexa polas miñas experiencias, pero non son unha persoa que pense no que vai pasar antes de que sucedan as cousas. Non me gusta adiantarme aos acontecementos. Vou sempre paso a paso. Agora mesmo, tanto eu coma a miña agrupación estamos centrados na campaña, en explicarlles aos veciños o traballo que fixemos nestes catro anos e en contarlles o que pensamos para o futuro. Logo das eleccións xa se verá.

-Rosa Castro (BNG). De momento non valoramos nada diso. Nós queremos que os veciños se sintan identificados con todas as decisións que tome o Concello. Polo tanto, apoiaremos as ideas que nos parezan ben, sempre que tamén se respecten as nosas.

-En Dena está a se construír unha praza moi demandada, pero non todo o mundo comparte como se está facendo.

-C. V. No meu programa contemplo unha serie de intervencións estratéxicas que pretenden converter Dena nun dos centros neurálxicos do comercio do Salnés. Cada día pasan decenas de miles de coches. O meu obxectivo será lograr que unha porcentaxe se deteña no noso municipio, dándolles motivos para iso. Ademais da praza pública e o aparcadoiro, levaremos a cabo importantes infraestruturas como unha gran praza pública, edificio multiusos, centro social polivalente ou cen prazas de estacionamento, así como toda unha programación de actividades para darlles uso.

-J. A. Para nós, ao que o PP lle está chamando praza é realmente un aparcamento. Nin cumpre as expectativas nin as demandas dos veciños, que buscaban esa praza, ese campo da festa e esa área de lecer. Houbo unha persoa responsable dese proxecto e do seu custe, Moncho Tilde, o tenente de alcalde, que non fixo nada por esas demandas. Nós temos unha alternativa que si cumprirá esas funcións. A finca que todo o mundo coñece como a antiga farmacia. Unha parcela de 4.300 metros cadrados, que está comprometida só no caso de que nós gobernemos Meaño.

-A. B. G. A praza é pequena para que funcione como campo da festa, así que non atende a primeira das demandas da veciñanza. Ademais está nun contorno perigoso pola proximidade do cruce que vai a Mercadona, non hai beirarrúas, así que tampouco é valida para o lecer. A súa única utilidade é como zona de aparcamento.

-R. C. É moi pouca cousa para Dena. Nós temos outros proxectos. Facer unha ruta turística cos seus paseos dende Os Pasales, pasando por Lores e Simes, cunha saída cara á ruta de Armenteira. Aproveitando para crear zonas de recreo e un proxecto moito más grande do que se esta a facer.

-Que é o máis urxente que, na súa opinión, precisa Meaño?

-C. V. Anotei cada unha das necesidades polas que lles preguntei aos meus veciños. O primeiro que farei será solucionar cada unha delas. Esa debe ser a función dun alcalde. Escoitar e solucionar.

-J. A. Obras hai moitas, infraestruturas unhas cantas, pero o primeiro é achegarse ao veciño e abrir as portas do Concello.

-A. B. G. Somos un equipo e cremos que é preciso tratar a todo o mundo por igual, sen facer distincións. Manter informados aos veciños do que se gasta e por que, coidar as infraestruturas e poñer en valor os nosos recursos.

-R. C. A nós preocúpanos moitísimo a depuradora de Dena. Pero o primeiro é estar no Concello para mirar polos veciños.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

O lugar no que comezan a pasar cousas