Gústame a xardinaría … contemplativa. Lese no Libro do Xénese que o primeiro xardineiro foi Deus: «O Señor Deus plantou un xardín en Edén, ao Oriente e puxo alí ao home que formara». Deus non abandonou na man dos homes a xardinaría, iniciouna El, converténdoa na primeira das artes, divina, máis antiga ca o ser humano: «O Señor Deus fixo brotar do chan toda clase de árbores, que eran atraentes para a vista e apetitosos para comer». Quixo, pois, que o ser humano estivese a gusto no mundo e colocouno nun verxel. Por iso, no subconsciente, no meu, debe haber unha asimilación entre paraíso e xardín. Claro que non foi todo tan paradisíaco, porque «O Señor Deus tomou ao home e púxoo no xardín do Edén para que o cultivara e o coidara». Vaia. Nada de andar de mirón: a traballar. Iso xa non era tan pracenteiro, hedonista. Teño citado aquí un dito chinés que expresa algo así como que se queres ser feliz un día, emborráchate, se queres ser feliz un mes, le un libro e se queres ser feliz toda a vida faite xardineiro. Non estou de acordo. E iso que dispoño dunha leira, o meu pequeno edén, na que fai vinte e tantos anos empecei a plantar árbores ornamentais, arbustos e froiteiras, porque o clima das Rías Baixas permite vir arriba a todo tipo de plantas, incluso tropicais. E, así, posúo unhas trescentas especies diferentes, cada unha coa súa procedencia, historia, floración. Alí crecen unha sequoia, unha bauhinia, unha escultural araucaria, un cercis, un tileiro, arbustos de flor de tódalas estacións, pradairos e froiteiras: maceiras, claudieiras, feixoas, cítricos diversos, nashi ou tamén albaricoqueiros que nunca deron un só froito. Todo con pouca orde, como un xardín inglés. Resúltame cativador observar como medran, florecen e frutifican: cada planta ao seu ritmo, aclimatadas nesta terra que ten tanto de tódolos sitios. Por máis, na nosa zona dispomos de viveiros impresionantes non só pola variedade de especies senón polo elevado nivel botánico dos traballadores, sempre dispostos a ofrecer os mellores consellos. Dicía que discrepo de que ser xardineiro asegure a felicidade porque si; resulta un traballo duro e incesante para o que hai que ter moitos coñecementos: cando, como e por que podar, cando e con que abonar, como coidar, como curar, como reproducir, e, ademais, hanse de ter mil e unha capacidades en permanente alerta: atención, observación fina, sensibilidade e infinita disposición para un traballo físico e continuo, nunha loita continua contra as inclemencias do tempo, as enfermidades que aparecen de seguido ou ata contra o cambio climático. Esas habelencias dificilmente se adquiren sen estudio, tempo e dedicación. Así que o mellor camiño é o meu, o contemplativo, o puro goce; porque imos ver: non é o mesmo regalar un ramo de rosas, xesto elegante, que matinar cal rosa é, que fungo ten na folla ou cando hai que cavala ou podala para que refloreza. Si, definitivamente, mellor xardinaría contemplativa.