As dúas bancadas de Mecos buscan hoxe a final da Concha

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

A tripulación feminina de Mecos compite coa moral ben alta logo de gozar o sábado do título da Liga Galega de Traiñeiras

29 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

As tripulacións masculina e feminina do C.R. Mecos buscan esta tarde un dos sete postos para as finais da Bandera de La Concha. A regata de regatas do remo de banco fixo, coa bancada local, a Donostiarra, como cada ano clasificada de oficio para a disputa polos títulos nas dúas regatas deste domingo e do da semana que vén.

A tripulación feminina de Mecos compite coa moral ben alta logo de gozar o sábado do título da Liga Galega de Traiñeiras. O martes ás cinco da tarde chegou o groso da expedición, con 16 efectivos, aproveitando as últimas horas da tarde para adestrar en Getaria antes de probar onte nas augas da praia donostiarra.

Iván Treinta, adestrador da traíña feminina de Mecos, confía en que as súas rotacións no Teresa Herrera da Coruña lle dean á súa tripulación a frescura suficiente para marcar un dos sete mellores tempos hoxe, a partir das 17.30 horas, na contrarreloxio clasificatoria. Asinar un primeiro longo -na Concha só son dous- será fundamental, di, para saír airosas, cunha previsión de tempo calmo, e tan só 1,2 metros de onda.

Tamén o mércores comezaron a chegar os remeiros de Fran González a terras vascas. Só que o primeiro día fixérono só once homes, polo que tiveron que adestrar con remeiros prestados de Tirán -onte fixérono cun-. Sen referencias sólidas pois, a traíña masculina de Mecos tirará da carraxe de terse vista fóra do play-off de ascenso á ACT, terceira na LGT-A.