Fiabilidade dos bólidos arousáns no primeiro terzo do circuito de Preferente

AROUSA

MARTINA MISER

Satisfacción nos vestiarios da comarca, co cadro celeste en posto de ascenso, e os seus veciños moi cerca

20 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Había anos que que o fútbol arousán non contaba con tantos equipos na Preferente Galicia. Os descensos do C.D. Ribadumia e do Céltiga volveron cruzar os seus camiños cos do Vilalonga e do Juventud Cambados. A excelente traxectoria seguida polo equipo do Novo San Pedro tras a chegada a finais do outono do 2018 de Ricardo Fernández , e a condición de recén retornados da Terceira dos inquilinos da Senra e do Salvador Otero facíanos acredores do cartel de candidatos ás dúas prazas de ascenso directo. Condición que están a defender cumprido o pasado domingo o primeiro terzo da Liga, co Juventud Cambados pechando neste momento o vagón de perseguidores xusto por detrás do que ocupan os dous compartimentos de primeira clase no Grupo Sur da Preferente Galicia. Unha liña que leva á valoración positiva do feito ata agora polos seus equipos entre os catro adestradores implicados.

Vilalonga (2º., 26 puntos)

A catro puntos do líder, Atios. E cun de vantaxe sobre o Atlético Arnoia, terceiro clasificado e, neste momento, principal alternativa a desbancar o equipo que dirixe Ricardo Fernández do último asento á Terceira á conclusión da Liga. Cun contundente 3-0 sobre o modesto Beluso, o cadro celeste pechou o domingo o primeiro terzo do curso poñendo punto final á súa peor serie de resultados, tras dúas derrotas, un empate e un triunfo nas catro xornadas precedentes. Seus son dous de cada tres puntos en xogo ata o momento. Números que levan o seu adestrador a facer «un balance positivo». Ricardo Fernández amósase «contento, porque o rendemento global dos xogadores está a ser moi bo, independentemente das baixas de cada semana», di, manexando «un equipo regular», que «agás contra o Porriño (hai dez días, con derrota celeste por 4-2) e contra o Portonovo (3-1 a domicilio), competimos ben». 

O nivel do traballo colectivo dos seus homes é o elemento diferencial en opinión do técnico do Vilalonga, que subliña o valor da súa clasificación por canto esta está a ser «a Preferente máis forte dos últimos anos». E se ben da súa boca non sae a palabra ascenso, Ricardo Fernández non ten reparo en manifestar que no vestiario de San Pedro partiron querendo «estar nos postos de arriba».

Ribadumia (4º., 23 puntos)

A mellor defensa do campionato como panca de salto. «Agora mesmo estamos onde a todos nos gusta». E iso, porque sendo Luis Carro dos que ten claro que a clave para comezar a pensar nun ascenso é «chegar ben colocados na clasificación ás últimas seis xornadas», o feito de avanzar cuartos, a só 3 puntos do Vilalonga, e cunha ampla marxe de mellora, son moitos os motivos para o optimismo. 

«Temos que dar un paso adiante na finalización», di, coa seguridade que dá dispor da mellor defensa da Liga, con tan só 8 goles encaixados en 13 partidos.

Sobre o reto do ascenso, Luis Carro salienta a dureza da Preferente, con «6-7 equipos de moito nivel» entre os que inclúe o seu, o «plus» co que xogan a maioría dos seus rivais ante un recén retornado da Terceira; e o feito de que «é máis difícil ascender, que manter unha categoría».

Céltiga (7º., 21 puntos)

Mentalizado para unha pelexa de fondo. O adestrador do Céltiga, Javi Rey, declaraba onte que «el equipo está jugando a un gran nivel. Estoy encantado con él. Salvo el Atios, fuimos mejores que todos los rivales con los que jugamos». Unha apreciación esta que o leva a sinalar tamén que «el único pero es tener menos puntos de los que nos merecemos». Con todo, como os seus homólogos nos vestiarios veciños, Javi Rey fala dunha carreira de fondo: «Somos seis equipos que vamos a estar peleando hasta el final por los ascensos». 

Juventud Cambados (9º., 20 puntos)

A salvación, case a medio camiño. «O noso obxectivo é, un ano máis, conseguir a salvación». E esa misión pasa, nos cálculos de Edu Charlín, por reunir 50 puntos. Completado o primeiro terzo da Liga, o Juventud ten xa case a metade, 21, coa zona de descenso directo 13 por debaixo, e o segundo posto de ascenso á metade, 6. Só o líder, Atios, foi quen de frear en seco, cun 4-0 o domingo, a carreira do equipo cambadés, que viña de encadear catro vitorias e tres empates. Unha serie espectacular para un cadro con once xogadores novos este verán, e lonxe de gozar dun grande orzamento. «Estamos na boa liña. Pero cando baixamos o pistón nos pode gañar calquera», advirte o técnico, que salienta o «fermoso» de contar este ano con tantos derbis, pero tamén a «dificultade engadida» que supoñen, polo moito que se apretan este tipo de partidos.