Do cura Medina

AROUSA

CEDIDA

01 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Diego Antonio Medina y Olmedo, almeriense, chegou, aínda non sei por que, de párroco a San Vicente dos Groves ao pouco da estrea da igrexa. Escribía con distinción e as súas crónicas queixosas emanan un aire fabulador; titulábase de licenciado e Carlos III outorgoulle en 1788 unha prebenda na catedral de Guadix. A relación coa veciñanza foi fusca, por ser de fóra, pedichón e recadador contumaz: nunca esquecía foros e alugou terreos do común a salgadores, por rendas e dezmo en congros e sardiña, un de cada trece, como nolo contou Calo Lourido en Aunios. Viviu aventuras: o 18 de decembro de 1791 o galeón dinamarqués Galias, vindo de Sevilla rumbo Rouen, naufragou alá contra Sálvora cargado de laranxas e la e os tripulantes «muy maltratados en la borrasca que fue impetuosa» foron rescatados polo crego. Na guerra anglo española aguantou ataques corsarios. O 21 de agosto de 1799 unha tripulación inglesa asaltou a igrexa e a reitoral: «Mui armados y prevenidos subieron y robaron quanto tenía el cura que permaneció solo en la cassa y mui próximo al degüello, quedando al fin con vida pero mui herido y maltratado». Non achacou o asalto á guerra senón á «situación de este Curato y su soledad sin auxilio de vecino alguno». Por iso o arcebispo compostelán Fernández Vallejo -o descubridor do Auto dos Reis Magos- dispensouno de residir nos Groves. O cura pregou por máis e o prelado ofrendoulle a metade do custe de recompoñer casa e templo coa condición de que os fregueses contribuísen con outro tanto. Os veciños, ca!. Distante, o andaluz culpou á pobreza dos da parroquia. E, con despeito, gabou aos benfeitores de fóra de San Vicente cunha desmesura barroca. Así, pola «compasión y liberalidad» do arcebispo ao entregar un palio e outros obxectos de culto, «conoció el cura que para todo género de miseria bastaba su misericordia. Tan grande como queda ynsinuada de su liberal mano y la que me proporcionó por otras el eficaz influxo de su voz y de su ejemplo». Do fabriqueiro da Catedral predica que é «sujeto de eminente virtud» e «prodigio de la clemencia». Pode haber unha retranca matadora co abade de San Martiño Pinario, que o socorreu con «benevolencia y agrado ynnimitable y manifestando en sus tiernos sentimientos que era mucho más la opressión de su corazón que la profussión de sus manos». Destaca dun cóengo que era «caballero tan esclarecido en su estirpe como brillante en su piedad», por concederlle «cenquenta duros que se imbierteron en una alfombra o tapete y una cajonería mui decente, que en lo subcesivo acreditará el incendio de su caridad». Aponlle case santidade a Theresa Moscoso, monxa de San Paio, por doar bordados á igrexa. Como seguiu rogando, o arcebispo, para que tivese máis rendas, outorgoulle «facultad y jurisdicción para bendecir imágenes y reliquias para todo género de ornatos, para lo cual y anotación de los que diessen los fieles, queda éste hueco y blanco». Os fregueses porfiaron na negativa: a folla quedou en branco. Anos despois sufriu outro ataque corsario e volta a pedir. Cóntollelo outro domingo.