El próximo jueves, con La Voz, una nueva edición de la Guía de Másters de Galicia
«Estamos dando os antepenúltimos pasos para poder ver rematadas as obras deste edificio. Esperamos que durante este ano poidamos terminalo», indicou o alcalde
12 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.A directora xeral de Administración Local da Xunta de Galicia, Marta Fernández Tapias, visitou onte o Edificio Administrativo de Valga, na compaña do alcalde, José María Bello Maneiro, varios concelleiros e o delegado territorial da Xunta. Xuntos, comprobaron o estado das últimas obras realizadas no inmoble, algunhas delas subvencionadas pola Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. É o caso da instalación do ascensor, financiado con 28.000 euros, o equipamento do novo Xulgado de Paz, que recibiu dez mil euros, e a dotación dun sistema de calefacción, ventilación e aire acondicionado para dar servizo á planta baixa, actuación para a que o Concello e a Xunta asinaron un convenio por valor de 80.000 euros.
«Estamos dando os antepenúltimos pasos para poder ver rematadas as obras deste edificio. Esperamos que durante este ano poidamos terminalo», indicou o alcalde. Na mesma liña se pronunciou a directora xeral, que tomou nota das actuacións que aínda quedan pendentes para continuar colaborando na súa execución. «O edificio está quedando realmente ben e dende a Consellería seguiremos axudando para conseguir rematalo neste 2020», dixo. «A Xunta sempre está disposta a colaborar cos concellos, sobre todo cos concellos pequenos, que son os que máis o necesitan», engadiu.
O Edificio Administrativo, no que xa está en funcionamento a Radio Municipal, albergará tamén na súa planta baixa o Xulgado de Paz e a Policía Local. A planta alta acollerá a nova e ampliada biblioteca e o baixo cuberta fará a función de arquivo.