Do asistente

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa VENTO DA TRAVESÍA

AROUSA

MONICA IRAGO

Avelino Ochoa comeza a tecer pontes entre a historia acontecida no 1717 con feitos máis recentes ocorridos en San Vicente do Grove

25 abr 2020 . Actualizado a las 20:30 h.

Coa paciencia, axuda e coñecementos do historiador Juan Francisco Vidal e coa anuencia de La Voz, levo uns meses contando feitos extraordinarios ocorridos en San Vicente en 1717. Quédame nada para rematar a narración desta incrible e descoñecida sublevación que reflicte a opresión e abandono da Galicia agraria nesa época, de xeito que o relatado, sen o alzamento violento contra o señorío, pódese extrapolar a calquera lugar de Galicia, onde o réxime foral perdurou ata ben entrado o século XX. Este oculto alzamento veciñal de 1717 precisou a confluencia dos abusos forais cunha veciñanza unida e valente que foi quen de levantarse, pondo en risco vida e facenda para que eles ou os seus, algún día, alcanzasen a plena propiedade da terra. Rematarei esta serie referíndome a como, no caso de San Vicente do Grove, as elites locais intentaron, en tempos recentes, facer sobrevivir, a modo caciquil, este réxime despótico contra o que os labradores litigaron incesantemente durante uns cincocentos anos para chegaren a ser donos das leiras que traballaban.

Nestes capítulos finais apareceron características da organización administrativa e xudicial da época. A illa do Grove -desde o exterior non se diferenciaba San Martiño de San Vicente- dispuña dun réxime algo diferente aos territorios da contorna porque o Arcebispo mantiña o privilexio de nomear alcalde; pertencía á provincia de Santiago e, por iso, nos últimos episodios desta revolución, irrompe desde Compostela o furibundo xuíz, Joseph Erze Miranda. O seu cargo denominábase Asistente e exercía a dobre función de xulgar nas ordes civil e penal. Nesta era simultaneamente instrutor das causas e xulgador, como seguiu sucedendo en España ata 1988: un mesmo xuíz investigaba, dirixía o proceso e sentenciaba. E así segue a ocorrer hoxe nos delitos leves.

O Asistente era nomeado polo Arcebispo, compartía xurisdición co Xuíz do Xiro da Rocha e cos alcaldes e recibía en apelación as resolucións dun e doutros en asuntos da provincia de Santiago, onde exercía xurisdición laica e antes da insurrección coñecera os litixios dos foreiros contra os veciños de San Vicente. O órgano superior era a Real Audiencia. Coexistía, paralela, a xurisdición eclesiástica na que estaba aforado o clero e de aí que os veciños agacharan parte das colleitas na casa reitoral para esquivar os embargos. Sobresae outra actuación neste proceso: os gastos correron desde o inicio a conta dos acusados, que non serían sentenciados e declarados culpables ata anos máis tarde. O Asistente Erce Miranda foi expeditivo na defensa do statu quo: recibiu a querela despois do 10 de setembro e oito días máis tarde asentouse no Grove durante quince xornadas para procesar a corenta veciños, prender a dez ou doce e embargar e poxar os bens deses implicados para pagar alguacís e custas do preito. Esa virulencia provocou que as terras aforadas quedasen en campo e que, por iso, os foreiros non recibisen o trigo que reclamaban. A lei -neste caso- incrementou a pobreza porque os foros había que pagalos igualmente e non quedou quen nin con que.