O Vilalonga renuncia finalmente a competir e o presidente pide perdón

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

Marcelo Muñiz atribúe a inscrición na Liga de Preferente a un erro no papeleo

04 ene 2021 . Actualizado a las 23:13 h.

«Non poderiamos ser partícipes da irresponsabilidade que suporía reanudar as competicións co protocolo proposto pola Real Federación Galega de Fútbol de nula viabilidade para calquera equipo modesto como o noso». Con párrafos coma este, a decisión feita pública o 22 de decembro pola directiva do Vilalonga, co seu presidente, Marcelo Muñiz, á cabeza, non deixaba lugar á dúbida. Ata que o 1 de xaneiro a Federación incluía o nome do club sanxenxino no listado de 18 equipos que decidían inscribirse para iniciar, o 24 de xaneiro como primeira data manexada, a Liga de Preferente Galicia nos tres subgrupos nos que este ano dividiu a competición o ente federativo. O aparente cambio radical de opinión do club do Novo San Pedro causou sorpresa na categoría. Especialmente entre os seus veciños de municipio, co presidente do Xuventú Sanxenxo -o Portonovo tampouco se inscribiu- criticando con dureza o cambio de criterio daqueles que fixeran pública a súa renuncia a competir esta tempada, ás portas dunha terceira vagada de infeccións por covid-19. Todo volveu dar un xiro de 180 graos. A expensas da xuntanza da directiva celeste, atendendo á palabra do seu presidente o Vilalonga non sairá a xogar esta campaña, asumindo a peaxe do descenso á Primeira Galicia ditado pola Federación Galega.

«Inda que me custe o cargo, podo dicir que o Vilalonga non vai competir esta tempada. Fixo». Así de contundente se manifestou o seu presidente. Marcelo Muñiz, afastado da xestión do club durante os derradeiros días do 2020 e o inicio do 2021 polo pasamento do seu pai, atribuíu a inscrición do cadro sanxenxino na Liga a «unha mala xestión burocrática. Nós queriamos informarlle á Federación de que non iamos xogar. Dalgunha maneira fixémolo mal». Un erro que, entende, deu paso a un aparente cambio de criterio na súa directiva que «a todo o mundo lle chocou» e polo que «pido desculpas», consciente do malestar que puido orixinar entre xente da categoría, especialmente nos seus veciños de municipio, onde Xuventú Sanxenxo, Portonovo e Vilalonga chegaran ao final do prazo de inscrición compartindo criterio. «Fixemos unha mala xestión. Mea culpa. Pido desculpas se alguén o entendeu mal», manifesta o mandatario celeste.

«Saír non imos saír. Que non imos participar, seguro», reitera Muñiz á hora de referirse á rocambolesca sucesión de anuncios e de noticias saídas das oficinas do seu club nas dúas últimas semanas. E para que quede claro, o presidente reafírmase na carta pública emitida o 22 de decembro polo seu equipo directivo na que, ademais das críticas recordadas no inicio deste artigo ao protocolo proposto pola Federación Galega aos clubs para adestrar e competir con seguridade no medio da pandemia, poñíase en primeiro termo que «neste complicado momento a nivel sanitario, social e económico pensamos que o primordial é garantir a saúde de todos os membros do club así como de todas as persoas que conforman a sociedade do noso pobo [...] por enriba dos intereses do Vilalonga F.C.». E nestas circunstancias, obrigados a xestionar burocraticamente a marcha atrás, «se nos impoñen unha multa, acatarémola», adianta Muñiz.

Para quen poida seguir dubidando de cal será a postura final do club, o seu presidente desvela que dos 19 xogadores cos que conformara o pasado verán o equipo que debía competir esta tempada «seis xa non querían participar na Liga, e por 3 ou 4 xa outros equipos viñeron á caza». Punto este último que «non vexo lóxico».

O Juventud Cambados supedita o seu si á reconfiguración do seu subgrupo

Arredor de 40 socios asistiron na mañá do domingo á asemblea extraordinaria na que, como tema central, se tratou a saída ou renuncia do Club Juventud Cambados na Preferente Galicia esta tempada. A opinión maioritaria entre os seareiros con carné, asegurarse de que non se hipoteque economicamente a entidade, para evitar unha situación como a que a década pasada afundira o Juventud na Segunda Autonómica, poñéndoo en risco de desaparecer.

Con esta premisa, a directiva quedaba pendente de que a Real Federación Galega de Fútbol explique como reestruturará os subgrupos na zona sur tras as renuncias confirmadas ao termo do prazo de inscrición, o pasado mércores 31 de decembro. Unha circunstancia que se complica no caso do Cambados e do seu veciño Umia despois de que o Vilalonga se desdicira por segunda vez e anunciara onte, a través do seu presidente, Marcelo Muñiz, o seu aliñamento co Céltiga, co Xuventú Sanxenxo e co Portonovo na súa decisión de non saír xogar dada a situación epidemiolóxica; tanto por responsabilidade en materia de saúde, como polas dificultades económicas de facelo dadas as limitacións á mobilidade e a crise entre moitos negocios e empresas.

Así as cousas, tras o último anuncio do Vilalonga, a Preferente Sur contaría con tan só 17 equipos en lid, 6 da provincia de Ourense, 7 da área de Vigo; e o Pontevedra B, Beluso e os xa apuntados Umia e Juventud perdendo a metade dos oito integrantes co que fora deseñado inicialmente o seu subgrupo pola Federación.