O mestre que chegou ao taekuondo en vespino

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Oscar Vázquez

O arousán leva 27 anos promovendo en Moaña un deporte no que formou a hoxe alcaldesa do municipio

14 may 2021 . Actualizado a las 00:42 h.

José Miguel Patiño Nogueira era nos seus anos mozos un bulebule deportivo. Como boa parte dos rapaces de Vilaxoán, esa localidade que segue a recordar con orgullo a súa condición de concello independente ata a súa absorción cen anos atrás polo de Vilagarcía, no seu currículo vital non faltan decenas de tardes enfundado nas camisolas do San Martín e do C.R. Vilaxoán, os clubs de fútbol e de remo emblema dun pobo orgulloso de seu. Unha mocidade de veráns coroados na Travesía a Nado Porto de Vilaxoán e de carreiras nas pistas de cinsa do instituto; e de recordos que levan a unha selección escolar comarcal na que contaba a clásicos do fútbol galego moderno como o catoirense Carlos Padín e o vilagarcián Máikel entre os seus compañeiros de armas. Nunca tería imaxinado daquela Miguel Patiño verse máis de media vida despois dúas rías abaixo coma pioneiro do taekuondo moañés. Cociñando a fogo lento un proxecto que contou coa actual alcaldesa da vila do Morrazo, Leticia Santos, entre as súas primeiras deportistas destacadas e que ten no fillo do propio Patiño, Pablo, un dos seus máis prometedores valores de futuro.

«Sempre tiven facilidade para os deportes. Era coordinado, esperto. Facía un pouco de todo» ata que, conta o noso outro rostro do deporte, pasou o que pasou: «Con 14 anos comprei unha vespino, tiven un accidente e rompín a tibia, peroné e fémur da perna dereita». Puido ter sido moito peor. «Non me tocou as articulacións e os ósos soldaron súper ben». Unha excelente noticia que non o eximiu de ter que recuperar muscularmente a perna mancada. Fíxoo no ximnasio Squash de Vilagarcía, onde se impartían tamén clases de taekuondo.

«Eu tiña un amigo da Illa que facía taekuondo e vacilábame co que me podía facer con el. Comezou picarme a curiosidade e un día probei». Foi así como Miguel Patiño descubriu un novo mundo. «Encantábame o dinámico que era», di. E o deportista bulebule transformouse nun alumno aplicado que marchou á mili cun cinto marrón, para rematar o servizo lucindo xa o negro tras poñerse en Pontevedra en mans de Miguel Cortegoso, quen dous anos antes, en 1992, fundara o Mace Sport.

Algo viu o seu novo mentor en Patiño que lle encomendou a posta en marcha dunha sección do seu club en Moaña. Con 19 anos, Miguel estreouse coma docente «con dous alumnos. Ao cabo de cinco anos xa tiña 150», lembra.

O vilaxoanés mudouse a Moaña e botou raíces. Sete anos despois de inaugurar o Mace Sport no Morrazo, «cheguei a un acordo de traspaso con Miguel». Un cambio de propiedade que viviu «con moita ilusión», que asegura manter 20 anos despois, acompañándoo da constitución do Club Taekuondo Patiño Moaña en xaneiro do 2001. Unha entidade deportiva asociada ao ximnasio pero, di o seu director, cunha xestión independente, sucedéndose na súa directiva taekuondistas e pais de deportistas, como a hoxe alcaldesa de Moaña, presidenta durante catro anos.

Leticia Santos é, de feito, o primeiro nome propio que lle acorda a Miguel Patiño no repaso aos taekuondistas que levan materializando a técnica e o traballo do club morracense en grandes podios. Da rexedora lembra que «foi unha das pioneiras do club en acadar medallas nacionais en varias categorías; foi campioa de España universitaria e participou no Mundial Universitario de Valencia no 2006, no que foi quinta». Tras ela viñeron as Lucía Ferrari, mundialista júnior en Tijuana, México, no 2010 en -49 quilogramos, Sabela López, bicampioa nacional júnior en peso pesado e internacional no Europeo 2013 de Braga e no Mundial 2014 de Taipei da mencionada categoría, Miryam García, internacional nos Europeos cadete do 2013 (-55 quilos), júnior do 2016 (-63) e sub-21 do 2019 (-62) sendo quinta nos dous primeiros e novena no último, Aitana Santomé, campioa de España cadete no 2015 en -55 quilos, presente no Europeo de Francia e primeira medallista internacional do Patiño Moaña, bronce en Corea; e Noah Pena, que disputou en -47 quilos o Europeo Cadete do 2016 en Romanía. Neste mesmo campionato Pablo Patiño estreaba a súa internacionalidade, asinando o quinto posto en -53 quilos e abrindo unha traxectoria que no 2018 o levou ao quinto posto no Mundial Júnior de Túnez, quedando ás portas de clasificarse para os Xogos Olímpicos da Xuventude. Un 2018 no que a súa compañeira Cloe Iglesias se proclamou campioa de Europa cadete en -59 quilos, acudindo no 2019 ao Europeo Júnior xunto con Pablo.

Cloe, Pablo e Miryam son hoxe os máximos expoñentes do traballo de canteira do club moañés. Pablo, segundo do ránking nacional absoluto en -68 quilos, tras o madrileño Javier Pérez, que acudirá aos Xogos Olímpicos de Tokio. Son os tres o resultado dunha filosofía sustentada sobre «o respecto ás etapas de formación. O noso principal obxectivo é formar deportistas que cheguen á categoría absoluta, algo complicado», explica Miguel, seleccionador galego sucesivamente en todas as categorías entre o 2004 ao 2016. E iso, «polas dúbidas dos rapaces ao chegar á adolescencia, polos seus estudos e porque non hai moitas axudas para desprazárense a torneos importantes».

Desde o ximnasio do instituto Paralaia, onde leva traballando máis de dez anos cos seus deportistas federados en paralelo á actividade do seu ximnasio, Patiño verbaliza o seu desexo 20 anos despois de fundar a entidade: «O paso seguinte é sacar medallas internacionais júnior. Despois, clasificar xente para Europeos e Mundiais absolutos. E encantaríame que algún dos nosos deportistas acabe chegando a uns Xogos Olímpicos. A ver se pouquiño a pouco. No camiño estamos».

A traxectoria

  • Persoal José Miguel Patiño Nogueira (Vilaxoán -Vilagarcía de Arousa-, 23/X/1974) fixo do taekuondo a súa forma de vida, dedicado á súa docencia desde que rematou o servizo militar con 19 anos.
  • Deportiva Tras descubrir de maneira tardía o taekuondo, Patiño foi dúas veces campión galego absoluto no xa extinto peso de -64 quilos.