O Cambados T.M. pelexa en Lugo o dereito a tentar volver á Superdivisión

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

Clasificaráse para a fase de ascenso se vence esta mañá o Torrelavega. O Vilagarcía, entre a corda frouxa na División de Honor e dúas promocións trampolín

22 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Regresar á Superdivisión a curto prazo semellaba hai tan só un par de meses unha quimera para un equipo como o Cambados T.M. En postos de descenso a Primera División Masculina cando en marzo do ano pasado a explosión da pandemia obrigou ao confinamento domiciliario en España, o conxunto da vila do albariño iniciou esta tempada exprés co obxectivo de amarrar a permanencia na División de Honor, a categoría de prata do tenis de mesa español. Conseguido o seu reto principal, hoxe pelexa en Lugo por poder permitirse soñar co regreso á elite. Nunha fase na que os tres primeiros clasificados dos Grupos 1 e 2 na liga regular, disputada cun sistema de concentracións, compiten esta fin de semana por tres prazas para a promoción de ascenso do 12 e 13 de xuño en Antequera, Málaga.

Cos campións dos grupos, o C.T.M. Milagrosa, anfitrión da cita, e o Irún Leka Enea B agardando ás 18.30 nas semifinais, esta mañá, desde as dez, o Cambados T.M. xogaráse o todo polo todo co E.T.M. Torrelavega en paralelo ao duelo entre o Atlético San Sebastián e o Panadería Santy-Narón. Os gañadores de ambos os dous encontros matutinos acudirán a Antequera xunto co Milagrosa, por canto o Irún Leka Enea B non pode optar ao ascenso na súa condición de filial dun conxunto de Superdivisión.

Subcampión do Grupo 1, o Cambados T.M. será o rival do Irún na semifinal desta tarde se é quen de derrotar o terceiro clasificado do Grupo 2 da División de Honor. Diante, explicaba na véspera o presidente do club galego, Enrique Barreiro, un E.T.M. Torrelavega que se ben perdeu potencial respecto á tempada anterior, cando era un dos equipos punteiros da categoría, dispón de dous xogadores a ter moi en conta. Andrés Pérez, cun 69 % dos seus puntos xogados contados por vitorias, e Eder Vallejo, cun 58 % e cun xogo «feo pero moi efectivo», di o cambadés. Ángel Rodríguez, inda xuvenil, completa o trío do E.T.M. Torrelavega.

O Cambados T.M. preséntase cos catro xogadores cos que leva afrontando toda a tempada con gran rendemento -rematou subcampión cos mesmos 11 puntos có Milagrosa-. O arxentino Lucas Bayona é a súa principal baza, co hispanoarxentino Andrés Guillermo Correa, o cambadés Fernando Padín e o pontevedrés Dani Casalderrey alternando os outros dous postos en cada partido.

O Vilagarcía, entre a corda frouxa na División de Honor e dúas promocións trampolín

Se o Cambados T.M. foi esta tempada exprés e pase o que pase xa a cara da moeda do tenis de mesa arousán, o Vilagarcía T.M. ofrece a cruz. O seu primeiro equipo completaba o segundo domingo deste mes a fase regular da competición de División de Honor pechando a clasificación do Grupo 1, sumando tan só 5 puntos dos 16 disputados. O balance obrígao a defender na tarde de hoxe a súa praza na categoría de prata estatal nun duelo a vida ou morte co cuarto clasificado do Grupo 2. O Universidad de Burgos TPF, no local de xogo do Centro Cívico Río Vena da cidade castelán-leonesa.

O Vilagarcía T.M. chega ao choque obrigado a facer o que inda non foi quen de conseguir no que vai de tempada exprés, derrotar o seu rival, logo de cinco empates e de tres derrotas. O cadro burgalés presenta un balance de dúas vitorias e seis partidos perdidos.

O certo é que a cousa non pinta nada ben para o Vilagarcía T.M. Con Sergei Nigeruk lonxe esta tempada da súa imaxe de xogador franquicia, Lawal Abiodum parece semellar insuficiente cando o trío galego se completa con Uxío Regueiro. Un bo xogador este de Primera División pero que vén cubrir a baixa de Pedro Castro, o habitual número tres do equipo, ao atoparse este último inmerso na preparación da selectividade. E isto, ante un equipo liderado por Chicho Ausín, curtido xogador cun gran currículo na Superdivisión ata que esta tempada decidiu baixar un chanzo.

O primeiro equipo do Vilagarcía T.M. xógase o todo polo todo a partir das 18 horas. Antes, desde as dez da mañá en Tenerife, o segundo conxunto do club, terceiro clasificado do seu grupo na Primera División, inicia a fase de clasificación para a promoción de ascenso á División de Honor con Pablo e Antonio Castro e Ramón Tubío. En paralelo, o terceiro cadro do Vilagarcía T.M. xoga por dar o salto á Primera División no Porriño.