O C.D. Ribadumia encara toda unha final ante o Viveiro

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

Os de Luis Carro reciben esta tarde o conxunto lugués na Senra a partir das seis

30 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O balón bota rodar esta tarde ás seis no campo da Senra co C.D. Ribadumia obrigado a gañar máis ca nunca. Por xogar na casa. E porque a falta de tan só catro xornadas para a conclusión da fase de ascenso, a U.D. Ourense igualaba onte os 39 puntos do C.D. Barco, cuarto, e do conxunto aurinegro, quinto, cun triunfo de alto nivel no seu feudo sobre o terceiro, o Arzúa, 1-0. Diante hoxe, o segundo clasificado, un Viveiro cos mesmos 45 puntos có líder provisional, o Ourense C.F.

O adestrador do Ribadumia, Luis Carro, ten moi presente que o Viveiro é un dos rivais máis complicados cos que xogar nesta fase pola permanencia. Trátase, di, dun «equipo completo, con moi boas individualidades, que a nivel colectivo manexa moitos recursos. Moi intenso e con capacidade para manexarse ben co balón». No seu duelo da primeira volta o Ribadumia perdeu 1-0.

Hoxe o Viveiro viaxa sen o seu motor na medular, Xaime, por acumulación de tarxetas. Motivo polo que tampouco xoga o local Álex Fernández nin Eloy, ademais do tamén sancionado Santi e o mancado Hugo Soto. Carro recupera a Giráldez.