O Cambados Tenis de Mesa pelexa hoxe en Antequera o regreso á Superdivisión

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

O cadro arousán mídese ao Alzira pola mañá e debe pasar outra eliminatoria máis para subir

12 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Regresar á Superdivisión, a máxima categoría do tenis de mesa español, era unha auténtica quimera para as xentes do Cambados TM cando esta primavera retornaba un ano despois á competición logo do longo parón provocado pola pandemia. Xusto antes, o conxunto da vila do albariño coqueteaba cun segundo descenso consecutivo e coa posibilidade de verse en tan só dous anos pasando da elite á Primeira División, a categoría de bronce. E nestas, o club arousán vese hoxe ante a posibilidade de regresar á Superdivisión.

Conseguir o retorno ao ceo pasa por gañar hoxe dous partidos. O que desde as once e media desta mañá o enfronta ao Hortitec Alzira TT, primeiro clasificado o 23 de maio na fase de acceso disputada entre os seis mellores equipos dos Grupos 3 e 4 da División de Honra, a categoría de prata estatal, despois da Liga regular. O Cambados T.M. rematou segundo no sector que cruzou os conxuntos máis destacados dos Grupos 1 e 2.

De superar esta primeira eliminatoria, o equipo da vila do albariño mediríase a partir das catro da tarde ao vencedor do duelo entre o Tenis de Mesa Parla, terceiro da sector de acceso dos Grupos 5 e 6, e o Atlético San Sebastián, o campión da fase intermedia de clasificación para a gran cita de Antequera do Cambados T.M. Se gaña, o conxunto galego faríase cunha das dúas prazas na Superdivisión 2021/22 polas que pelexan os nove equipos presentes na localidade malagueña.

O Cambados T.M. chegou onte a última hora da mañá a Antequera. Fíxoo co seu cuarteto de xogadores, Lucas Bayona, Andrés Guillermo Correa, o cambadés Fernando Padín e mais o pontevedrés Dany Casalderrey, acompañados polo presidente do club, Enrique Barreiro. Preguntado polo ánimo co que encara o reto o seu cadro de deportistas, Barreiro contestaba na véspera do día D: «Dinme que vou ter que buscar a pasta, que van subir de categoría».

O certo é que a tempada realizada ata hoxe anima a crer nas opcións do colectivo arousán. Segundo na fase regular do campionato, desenvolto mediante un sistema de concentracións, empatado a puntos co campión do Grupo 1, o Milagrosa de Lugo, o Cambados T.M. superou o 22 de maio o E.T.M. Torrelavega, terceiro clasificado do Grupo 2, gañándose o dereito a pelexar polo regreso á Superdivisión ao dobregar ese mesmo día o campión da liga do Torrelavega, o potente Irún Leka Enea, filial do equipo de elite.

«O importante é ter chegado aquí, con iso non contabamos», confesa unha vez máis Enrique Barreiro. De gañar os seus dous partidos hoxe e subir, o Cambados T.M. optaría a poñerlle a guinda ao pastel mañá optando ao título de campión da División de Honra.