Sergi Quintela: «Un torneo como este é unha sorte para o baloncesto galego. Hai que gozalo como toca»

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

ALBERTO LÓPEZ

O escolta lugués e ex Xuven Cambados volve a un EncestaRías ao que acudira como espectador capitaneando agora o Breogán na súa volta á Liga ACB

13 sep 2021 . Actualizado a las 17:28 h.

Capitán do Breogán, Sergi Quintela (1996) é hoxe un referente non só do seu equipo, tamén do baloncesto galego. 

-Hai cinco anos viñera ao EncestaRías como afeccionado que xogaba a dez quilómetros no Xuven Cambados de LEB Prata. Agora faino coma capitán do Breogán, instalado na segunda mellor liga de baloncesto do planeta...

-Si, ben. A verdade, non esperaba tan a curto prazo xogar na ACB. Non pensei que fora ser tan rápido, en 5-6 anos e co Breogán na ACB. É incrible.

-Tócalles abrir o torneo fronte ao Joventut. Non parece mal primeiro prato para empezar o menú…

-O Joventut ten un auténtico equipazo, con xogadores moi contrastados non só na ACB, tamén a nivel de selección, de equipos de Euroliga... E unha identidade de xogo moi clara. Vainos servir para ir carburando de cara ao inicio da Liga, o 18 contra Tenerife.

-¿Como valora a evolución e o nivel do torneo de Vilagarcía?

-É unha sorte para o baloncesto galego, sobre todo para Vilagarcía, ter un torneo desta magnitude. Con equipos ACB, mesmo co Alba Berlín. Hai que poñelo en perspectiva, e gozalo como toca.

-¿Como levan na cancha ter tido que xogar sen público, primeiro, e con tan pouca xente ata o momento -no EncestaRías, pouco máis de 400 afeccionados-?

-Para un club como o Breogán, cunha afección moi volcada e moi quente, que metía case 4.000 persoas por partido, foi un hándicap. Canto antes volvamos á normalidade, mellor. Pero é mellor seguir coas restricións, que todo vaia ben e non liala por volver aos pavillóns cheos demasiado pronto.

-Os seareiros do Breo e do Obra teñen arrodeado en vermello o 3 de xaneiro. Pero quizais 400 poidan gozar xa este domingo do primeiro derbi do curso...

-No baloncesto galego é o derbi que máis se vive. Os dous últimos na ACB xogáronse cun ambiente incrible, de loucura. Pero non o pensamos moito. Claro que se toca derbi, sempre hai que gañalo.

-Sergi e Érik Quintela son dos poucos xogadores galegos na ACB e os únicos nun equipo do país. Séntense uns referentes para os centos de rapaces que soñan en Galicia con chegar á elite?

-Mais que referentes, é un orgullo, polo que dis, dous galegos xogando nun equipo en Galicia na ACB. Véxonos máis como o exemplo de que se realmente traballas duro, confías e tes xente arredor que te axuda todo é posible.

-Volver tan preto de Cambados tráelle algún recordo?

-Tanto meu irmán coma min fomos moi felices en Cambados. Tratáronos de maneira incrible. E aquela xente do Xuven somos como unha pequena familia. De feito imos quedar nun hotel en Cambados e aproveitar para ver os amigos que deixamos aí. Rícar, Torres o condutor do bus, Emiliano, Manu Santos... Estamos en contacto e sempre que podemos quedamos para vernos.