Uxía e Javier Ruibal cantarán a Rosalía e Lorca en Vilagarcía co gallo das Letras Galegas

Serxio González Souto
Serxio González VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Mónica Irago

O auditorio acollerá o espectáculo «Da túa casa á miña» o propio 17 de maio

31 mar 2022 . Actualizado a las 15:45 h.

A celebración, o 17 de maio, do Día das Letras Galegas contará este ano en Vilagarcía de Arousa cun espectáculo moi especial. Trátase de Da túa casa á miña, unha colaboración entre dous artistas de tan longa tradición coma Uxía e o andaluz Javier Ruibal, encol das figuras de Rosalía de Castro e Federico García Lorca.

Uxía e Ruibal farán un retrato sonoro de dous poetas universais. Será o propio martes, 17 de maio, no auditorio municipal, a partir das sete e media da tarde. A actuación terá carácter gratuíto, coa única limitación do aforo da sala. A concellería de Cultura, que promove o recital, considera que a súa chegada constitúe un dos grandes acontecementos da tempada, e faise posible grazas ao convenio de colaboración coa Deputación de Pontevedra baixo o paraugas do plan Musigal.

En Da túa casa á miña os músicos levan o espectador a coñecer máis a fondo a obra de Rosalía e Lorca, descubrindo a fonda admiración que o xenio andaluz sentía pola poeta galega. Unha unión espiritual entre o norte e o sur que acadaría a súa culminación nos Seis poemas galegos escritos por García Lorca. Editados en 1935, inclúen un canto de berce no que, perante a súa sepultura, o poeta chama a Rosalía a se erguer.

O disco gravado no Náutico

Tanto Uxía coma Ruibal contan cunha ampla experiencia musicando poetas. Este seu traballo é un chanzo máis nunha historia de amizade e complicidade que, dalgún xeito, prosegue o camiño aberto por Lorca de Granada a Santiago. Unha irmandade que xa deu os seus froitos o ano pasado, co traballo que ambos gravaron no Náutico de San Vicente, xunta Sérgio Tannus e Macos Teira.