David Iglesias, «Risi», xa loce manciña vitoriosa na Bandera de La Concha, e Andrea Oubiña suma a décima

AROUSA

Tras gañar a bandeira de bandeiras, o grovense de Urdaibai busca agora a súa sexta ACT
13 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.O remo do Grove volveu ter, un ano máis, a súa boa cota de protagonismo na regata de regatas do banco fixo. Andrea Oubiña e David Iglesias, Risi, engordaron o pasado domingo cadanseu palmarés na Bandera de La Concha nas traiñeiras de Orio e de Urdaibai (Bermeo), respectivamente. Un palmarés que xa contan coas mans coma unidade de medida.
Á espera do que aconteza esta vindeira fin de semana coa disputa das dúas últimas probas puntuables do calendario da Eusko Label Liga (ACT), comandada polo seu equipo, Risi gozou xa da primeira gran recompensa tras a súa decisión de regresar esta temporada ás filas de Urdaibai logo de tres anos na bancada de Santurtzi. Unha etapa esta última que abría no 2019 logo dun sexenio en Bermeo iniciado no 2013 e pechado con tres títulos da Liga ACT consecutivos —2016 a 2018—, aos que o remeiro meco sumou despois os das edicións do 2020 e 2021. Todos eles, agás o do 2018, con Iker Zabala como adestrador e factor determinante nas súas idas e voltas. Este ano, explica o propio grovense, coa familia por diante á hora de tomar a decisión de abandonar a traiñeira campioa para volver vogar na da localidade da súa muller e a súa filla de 3 anos: «Eran 40 minutos de coche a ida e outros tantos á volta. Ás veces saía de Bermeo ás 5 da tarde e volvía á casa ás 10 da noite, e a pequena xa empeza a andar e a correr».
A satisfacción de David Iglesias na consecución da Bandera de La Concha o pasado domingo é absoluta. Non só por tratarse do seu quinto título na regata donostiarra, senón, ademais, por ter remado, no dous de estribor (contramarca), nas tres regatas nas que se divide a gran cita do banco fixo español. Empezando pola clasificatoria, na que Urdaibai finalizou nun discreto e enganoso quinto posto: «Gañar non era o obxectivo. Dá igual que entres primeiro ca sétimo. Non fixemos boa regata, pero o importante era clasificarnos, porque na final todos empezabamos de cero. Sabiamos que ese non era o noso nivel», sinala o arousán.
Ese nivel do que fala é o que os seus compañeiros de Bermeo e mais el demostraron nos dous domingos nos que se reparte a final da Bandera de La Concha. O primeiro, avantaxando en algo máis de 7 segundos a Hondarribia e en case 8 a Donostiarra. E hai dous días, sendo fieis ao plan marcado polo adestrador de Urdaibai: «Sabiamos que nos ían atacar, e cando te van a atacar é mellor atacar primeiro. Non saimos a especular. Saimos a gañar, porque no remo, se lles deixas un bote de vantaxe aos rivais, as cabezas poden dar moitas voltas», reflexiona Risi. E se non, que llelo digan aos remeiros de Hondarribia, que aos 5 minutos da última regata xa estaban k.o., recorda o arousán. Urdaibai meteulle outros 8 segundos a Donostiarra e case 23 a Hondarribia.
Con todo, a David Iglesias tócalle agardar para celebrar como merece a súa manciña en San Sebastián. Confiando en facer bos esta fin de semana os 3 puntos de vantaxe cos que a traiñeira de Bermeo chega na xeral fronte a Hondarribia ante as dúas derradeiras regatas da Liga; o sábado, cos de Risi remando na casa, e o domingo, en Portugalete. En xogo, a posibilidade de conseguir o seu segundo dobrete, gañando, coma no 2016 e no 2021, a Bandera de La Concha e a Eusko Label Liga no mesmo ano.
Andrea Oubiña Rodríguez ampliou o domingo o seu excelso palmarés. Fíxoo ademais acadando unha marca brutal, tras sumar con Orio o seu décimo título na Bandera de La Concha, unha cita na que formou parte do equipo campión en dúas de cada tres edicións desde a do 2008, ano da súa estrea no máis alto do palmarés donostiarra. A grovense, que remou na regata clasificatoria, consegue así o que é ademais o seu sexto dobrete, logo de ter gañado o mes pasado o seu sétimo título da Euskotren Liga. Un éxito que retoma a súa traxectoria sen igual, detida no 2019 cando decidía tomar un ano sabático, para volver remar no 2020 nas filas de Donostiarra, club no que repetiu no 2021 antes de fichar o pasado inverno en Orio.