![](https://img.lavdg.com/sc/tTq7mK4cw899gEdQc6Rkgj3UoGA=/480x/2022/09/26/00121664208242695769350/Foto/AS27C6F1_18238.jpg)
Co apoio do Concello, reunirá este sábado a sete equipos no céspede de Burgáns
27 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Representantes do Club Juventud Cambados e do Concello presentaron onte no consistorio da localidade a primeira edición do Torneo Infantil Feminino Vila de Cambados. Unha iniciativa, explicou o alcalde, Samuel Lago, da entidade deportiva que cualificou de «interesantísima», de aí que o goberno local a apoie «de moi bo gusto», comentou.
Atlético Arousana, Umia, Caldas e o organizador, C.J. Cambados, serán os representantes do fútbol da comarca nunha cita programada para este sábado, 1 de outubro, sobre o céspede do campo municipal de Burgáns e que contará tamén coa participación dos equipos infantís femininos do Noia, do Victoria de Santiago e do Rosalía, este último, o primeiro club de fútbol integramente feminino da cidade de Ourense.
Acompañado por Eladio Oubiña, presidente do club, o coordinador do Juventud Cambados, Gabriel Sineiro, explicou que o campionato arrincará cunha fase de grupos, que se xogará de 10 a 14.30 horas, dando paso a fase final, de 16 a 20 horas. A elección do día obedece, sinalou Sineiro, ao feito de que «inda non comezou a Liga. Queremos que o torneo sirva de convivencia para as xogadoras, que pasen un bo día e que gocen dun campo de herba natural, que non teñen moitos clubs».
Tanto desde o Concello como desde o Juventud subliñouse a importancia de iniciativas coma esta. O alcalde, Samuel Lago, declarou ao respecto: «Trátase de apoiar o deporte, pero neste caso, tratándose dun torneo infantil feminino, máis se cabe, por apoiar así a igualdade e a participación das mulleres». En termos semellantes se manifestou o concelleiro de Deportes, Fernando Patricio: «Para nós é un pracer ceder as instalacións municipais para un Juventud Cambados que está a facer moitas iniciativas, ademais de fomentando o deporte, fomentando a igualdade».
O presidente do club local apuntou pola súa banda: «Todo o mundo está vendo o que está a suceder co fútbol feminino, que está crecendo a pasos axigantados, e cremos que é importante o seu fomento. Desde o Juventud Cambados ímolo apoiar, da mesma maneira có masculino.