Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Un AF7 en cadro entre enfermas e mancadas, molesto co Viajes Interrías por non querer aprazar un partido

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Imaxe das sete xogadoras do Arousa Fútbol 7 dispoñibles na mañá do domingo para medirse ao Viajes Interrías FF
Imaxe das sete xogadoras do Arousa Fútbol 7 dispoñibles na mañá do domingo para medirse ao Viajes Interrías FF CEDIDA

O director deportivo do conxunto vilagarcián quéixase da resposta do presidente rival, e este di que o avisaron tarde e que adiar un encontro debe ser cousa da Federación

24 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O director deportivo da canteira do Arousa Fútbol 7, Antonio Catoira, quixo facer público onte o seu malestar pola negativa do presidente do Viajes Interrías F.F., Quique Rodríguez, a adiar o duelo de Liga da Segunda División Galega Feminina sénior que debía enfrontar a ambos os dous equipos este pasado domingo desde as 12 en Berdón, Vilagarcía.

«Puxéronseme tres rapazas enfermas con gastroenterite, outras tres con gripe e febre e tiña catro lesionadas», relata Antonio Catoira, por iso: «O sábado ás seis e media da tarde contactei con Quique, o presidente do Interrías para pospoñer o partido e díxome ‘Nin de coña. Si la Federación lo quiere cambiar, vale, pero por mi parte, no’».

O AF7, pechacancelas da Liga con 0 puntos en doce xornadas, presentouse ao partido con só sete futbolistas ao non lle dar tempo, di o seu director deportivo, a reunir e presentar na Federación os correspondentes partes médicos. Pero no minuto 5 a súa porteira mancouse nunha man ao tentar parar o único gol do choque e coa súa retirada, ao quedar o equipo con só seis, o árbitro decretou a suspensión do duelo. O AF7 recibirá unha multa de 30 euros e unha sanción de menos 3 puntos, pero, afirma Catoira, a súa única preocupación era que as súas pupilas non encaixaran unha goleada humillante ante un equipo que pelexa polo ascenso, e que o seu malestar obedece ao ton empregado polo presidente do Interrías.

Contestación do criticado

Preguntado pola cuestión, Quique Rodríguez nega que lle contestara a Catoira cun «Nin de coña». O mandatario do Viajes Interrías sinala que a chamada de Catoira foi ás oito menos cuarto da tarde do sábado e, sobre este punto de partida, declara: «Sendo o partido ás 12 do domingo, se tes problemas de efectivos, terás que chamar en tempo e orde, non ás oito menos cuarto da tarde da véspera. Díxenlle a Toño que non estaba de acordo, que llo trasladara á Real Federación Galega de Fútbol, e se esta decidía que se pospoñía, pospoñíase». Neste punto, Quique Rodríguez defende que «é a Federación, e non ningún equipo», quen debe tomar a decisión de cambiar un partido.