Cambados potencia o programa do sábado de entroido e este ano queimará ao Mundial de Qatar
AROUSA

Repartiranse 13.700 euros en premios entre as mellores comparsas, carrozas e disfraces
27 ene 2023 . Actualizado a las 14:08 h.O entroido de Cambados «recupera todo o seu vigor e a súa esencia» —en palabras do concelleiro de Cultura, Tino Cordal— con novas apostas para este ano. O sábado pasará a ser un día importante na programación deseñada polo Concello. A tarde do día 18 arrincará cunha festa infantil no parque de Torrado na que, durante tres horas, os cativos disporán unha ampla oferta de actividades e poderán participar nun concurso do que sairá o cartel anunciador do entroido 2024. Ás oito da tarde partirá de Fefiñáns a batucada Olodium do Coio para achegarse á praza de Alfredo Brañas, onde ás nove actuará o grupo local Leda Atómica e ás 23.30 horas farao Terrae, cun espectáculo musical e visual.
Con todo, as festas comezarán un día antes, o venres, co clásico concurso A túa cara sóame que terá lugar en Alfredo Brañas a partir das dez e media da noite. Esta praza cobra máis protagonismo este ano e, con tal motivo, vai ser decorada especialmente para a ocasión.
O domingo terá lugar o tradicional desfile de carrozas, con saída ás 17 horas de San Tomé en dirección a Fefiñáns, coa presenza dunhas bolboretas patinadoras xigantes e uns «homes espello». As mellores carrozas levarán premios de 700, 600 e 500 euros e todas as participantes terán unha gratificación de 250 euros. Premios haberá tamén, neste caso en vales de compra de Zona Centro e a confraría, no concurso de disfraces infantil do luns, no salón Peña, e no concurso xuvenil e de adultos do día seguinte, en Alfredo Brañas.
Ese día, o martes, tamén celebrarase o concurso de comparsas con 800 euros para o mellor clasificado. En total, este entroido repartiranse 13.700 euros en premios, «unha cantidade relevante», subliñou Cordal.
As festas pecharanse co enterro da sardiña o mércores pola tarde, con saída ás 18.30 horas da praza do Concello dirección á praia de San Tomé, onde arderán a FIFA e o Mundial de Qatar.