Da expropiación da Torre de Escuredo

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa VENTO DA TRAVESÍA

AROUSA

Martina Miser

Para conservar a harmonía da Torre de Escuredo habería que demoler a abandonada e ilegal estrutura traseira

12 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O domingo pasado esta columna remataba pedindo unha negociación rápida entre os donos da decrépita Torre de Escuredo e o Concello de O Grove, por ver de non acudir a un proceso de expropiación dese fermoso, céntrico e arruinado inmoble. Obviamente, toda a problemática local que hai sobre ese palacete non existiría se puidese ser admirado no seu esplendor. Un amigo, de probada honestidade, díxome que se el alcanzaba a alcaldía —que pode ser— non faría nunca o que non quería para si. Non ten razón porque as decisións administrativas —por exemplo unha multa—- hai que tomalas con obxectividade polo interese público.

Entendo, tamén, que detrás desa afirmación de home bo late unha concepción da expropiación que practicou o réxime político anterior á Constitución de 1978. Pode subsistir tamén unha compoñente de respecto reverencial pola familia propietaria da Torre e, seguramente, unha certa indefinición política do grupo de goberno municipal en canto ao destino deses soar e edificación, no suposto de adquirilos. Por máis diso, a verdade é que temos pouca memoria como pobo e ata pode resultar adecuado lembrar algunha das expropiacións levadas a cabo no Grove; por exemplo a dos terreos do CEIP Valle Inclán; ou, sen saír de alí, as leiras que ocupou a estrada entre as rotondas da Graña e a da Lanzada, que gravou a veciños da mesma zona. Convén, neste punto, recordarmos varias cousas. Para empezar, que o dereito de propiedade non é ilimitado, senón que ten unha función social que se manifesta, por exemplo, en que cada un non pode facer o que lle pete no seu terreo senón que ha de atender ás normas urbanísticas que definen cal é o aproveitamento, entre outras restricións.

Máis alá desa función social está a expropiación que, en realidade, é unha garantía fronte a prácticas confiscadoras. O artigo 33 da Constitución di, literalmente, que «ninguén poderá ser privado dos seus bens e dereitos senón por causa xustificada de utilidade pública ou interese social, mediante a correspondente indemnización». Esta norma sitúase entre as máis avanzadas da lexislación europea porque impón causa para expropiar —non vale un capricho—, indemnización e non é un fin senón un instrumento para realizar algo. A esixencia de causa expropiandi impide arbitrariedades ou comenencias particulares. Teñen que concorrer ou utilidade pública, que fai referencia á utilización dese ben expropiado para o funcionamento de servizos administrativos, ou interese social, que existe cando concorren intereses superiores aos individuais. A Lei de Patrimonio Cultural establece como causa de interese social para a expropiación o incumprimento do deber de conservación dos bens de interese cultural, que pode ampliarse aos inmobles situados na contorna de protección que atenten ou perturben a súa harmonía; como aquí ocorre e procede, tamén, expropiar. Non esquezamos que a Torre perdeu a condición de BIC, aínda que se mantén catalogada como patrimonio cultural desde 1996. De todo isto quixera resaltar que é moi necesario que se defina ben para que se quere a Torre de Escuredo. E no que toca á indemnización, indicar que o sistema español é contrario a un réxime confiscador e a indemnización debe corresponderse co valor real, que pode identificarse co de mercado ou co de substitución. Iso si: ten que referirse ao valor obxectivo do inmoble e non poderá computarse o valor sentimental, nin a plusvalía derivada de plans futuros. Mais coa Torre de Escuredo os grovenses enfróntanse ao inimigo máis poderoso: o maligno Cronos, deus do tempo, que foi quen de castrar a seu pai, e fai correr os días contra os intereses públicos e privados e obriga a actuar xa con pragmatismo. Porque cantas xornadas aguantará en pé a Torre?. Dará tempo a que haxa algo que indemnizar?.