
Organizar agora unha ruta de ecoturismo para deleitarnos, coas magnolias de flor, non deixaría de transformarse nunha experiencia sorprendente, inesquecible e auténtica
26 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Xa temos falado desde aquí que ao turismo hai que tratalo con todas as precaucións para que non prexudique a vida normal dos residentes en zonas turísticas nin a limite coa ocupación, usurpación, dos espazos de seu ou que provoque a modificación dos xeitos de vida deles; e que vai sendo imperioso adoptar medidas para manter a harmonía do día a día dos habitantes destes lugares con esa actividade que xera negocio e traballo. Sen a máis mínima dúbida, en turismo a comarca do Salnés agacha aínda unha potencialidade incrible, que podería contribuír a que se diversificase ou reorganizase o turismo de praia que, como se sabe, empeza a xerar problemas de turistificación e turismofobia que se manifestan cruamente durante o estío. E eses fenómenos, estudados, son fases previas a do remate desa galiña dos ovos de ouro.
É claro que a actividade turística é un esencial compoñente económico que necesitamos conservar nestas terras, pero sempre, prioritariamente, protexendo os xeitos de vida dos residentes. Como remedio que pode servir de contrapeso e protección fronte a un turismo masificado, destrutivo dos atractivos naturais, e que, ademais, axudaría á necesaria desestacionalización, xorde o ecoturismo, ou turismo ecolóxico, —hoxe por hoxe minoritario, elitista, pero como se ve noutros lugares, con futuro—. Loxicamente, o primeiro recurso para este tipo de turismo son as zonas naturais protexidas, pero, por suposto, todo aquilo que busque valorar o patrimonio cultural, porque o perfil do ecoturista é o de persoas cunha alta sensibilidade que atesouran respecto pola natureza e, polo tanto, avogan polo mínimo impacto ambiental e ademais son quen de admirar as tradicións, as experiencias de vida auténticas, a cultura e o patrimonio locais. Di a The International Ecoturism Society (TIES) que o «ecoturismo é clave porque implica conservación, comunidades e interpretación. É unha viaxe responsable a áreas naturais que conserva o medio ambiente, sostén o benestar da poboación local e involucra interpretación e educación por parte do hóspede e do persoal que o atende».
Sen a máis mínima dúbida, co turismo ecolóxico tamén haberá que ter sumo coidado porque tampouco pode valer para destruír toda esa riqueza na que se apoia e, ademais, hai que fuxir como do demo do chamado green-washing (empresas que din ser ambientalmente sostibles sen selo). Nestes días de invernía hai moitas cousas que amosarlles no Salnés aos ecoturistas, e a nós mesmos. Non só aves, paisaxes ou gastronomía, senón tamén un particular percorrido pola floración do inverno, tan abondosa nesta comarca. Coa camelia xa somos unha zona coñecida, celebramos diversas exposicións e organizamos visitas a lugares destacados no seu cultivo, como aos pazos de Rubiáns ou Quinteiro da Cruz. Pero, agora mesmo, hai un espectáculo impresionante salpicando mil lugares e sorprendendo a calquera: levamos algunhas semanas cos magnolios de flor, —que viñeron de Francia—, asombrándonos coa súa vistosidade absolutamente versallesca, fastuosa. Calquera se marabilla estes días diante dunha magnolia soulangeana, que non dá froitos nin sementes, pero que ofrece os seus cálices —brancos, malvas, carmesíes, rosados, púrpuras—, antes de que empecen a brotar as follas, como un milagre, como un desexo de primavera imposible de controlar. Nestas xornadas do murcho febreiro, estas magnolias coróanse con miles de flores para admirármolas como pinceladas dun pintor máxico, en calquera recuncho, esperado e inesperado. Aparecerá, por mil sitios, como unha sorpresa, o estalido cromático destas árbores en flor. Organizar agora unha ruta de ecoturismo para deleitarnos, coas magnolias de flor, non deixaría de transformarse nunha experiencia sorprendente, inesquecible, auténtica, única, viva, como gozando con fogos artificiais vexetais.