Da maldita historia do plástico

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa VENTO DA TRAVESÍA

AROUSA

MARTINA MISER

Cada ano obtéñense máis de 400 millóns de toneladas deste material e a metade será dun só uso porque se recicla menos 10%

06 jun 2023 . Actualizado a las 13:34 h.

Por primeira vez unha Era da Terra vai lembrar unha epidemia: o noso tempo pasará á Historia, ata á xeolóxica, como Era do Plástico e será vista como época de peste, que empezou a inundar o mundo fai só uns cento cincuenta anos, infestando o planeta para deixar pegadas para a eternidade. Non queda sitio no mundo sen plásticos. O antecedente remoto deles está nos pobos de Centro América que utilizaron látex —un líquido extraído de diversas plantas, como o das figueiras— para elaborar caucho, confeccionar bandas elásticas ou diversas figuras. Goodyear mesturouno con xofre e fabricou pneumáticos e a finais do século XIX a empresa Phetan and Collander ofreceu dez mil dólares a quen fose quen de elaborar un produto para substituír ao marfil, obtido dos cairos dos elefantes ou da coiraza das tartarugas, que cazaban por milleiros para fabricar bólas de billar. Por iso, no 1869, John Hyatt inventou o celuloide, combinando fibras de algodón con alcanfor. Esas bólas foron o primeiro produto plástico comercializado. No século XX, L.H. Baekeland, descubriu a baquelita, que se moldeaba de calquera xeito. Desde esa, os plásticos foron imparables e empezaron a producirse poliuretanos, resinas, fibras como o nailon ou o plexiglás, polietileno, propileno, polistireno, cloruro de polivinilo, poliamidas, polimetilmetacrilato, policarbonato, PET, PVC ... que invadiron o orbe. Substituíron á madeira, ao cartón, á tea ou ao vidro e incluso a algunhas aliaxes lixeiras, ocupando o lugar de varios metais. E, ademais, empezáronse a utilizar para cousas para as que non se empregaba nada. Nunca na historia da Humanidade nada se desenvolveu tan rápido, nin en proporcións tan inmensas. A industria do plástico converteuse nos anos oitenta nunha das principais do mundo, con centros de investigación punteiros que, constantemente, descubriron polímeros coas máis variadas propiedades ata chegar a que o mundo de hoxe non se conciba sen plástico, resistente e duradeiro que tarda miles de anos en desaparecer. Agora mesmo a súa produción e a polución que orixina dá uns números arrepiantes. Cada ano obtéñense máis de 400 millóns de toneladas de plástico e a metade será dun só uso. Recíclase menos do 10% e entre 19 e 23 millóns de toneladas de residuos plásticos terminan cada ano en lagos, ríos e mares. Cada persoa desbota máis de cen quilos de plástico que flúen cara aos diversos ecosistemas. Estas cifras poderíanse triplicar no 2040. Hai consecuencias: máis de 800 especies mariñas e costeiras vense afectadas por contaminación por inxestión, enleadas e outros perigos. No Océano Pacífico apareceu unha illa formada por plásticos flotantes, cunha superficie un terzo maior que a de España. E a isto hai que engadir a praga dos microplásticos, partículas diminutas, microscópicas, nas que se van descompoñendo botellas, bolsas, envases en xeral, pola acción do sol, do sal mariño, dos cambios de temperatura e que se introducen na auga, incluso na que bebemos cada día. Os animais, tamén os humanos, non teñen metabolismos para absorbelos e por inxerilos directamente ou a través da carne consumida vannos acumulando nos tecidos corporais, o que orixina unha diminución da eficacia do sistema inmune e un aumento dos casos de cáncer. Dise que as persoas toman máis de 50.000 partículas de plástico cada ano e moitas máis se se contan as inhaladas. Unha saída que axudaría a aliviar este problema sería que cada un modificase a súa mentalidade de usar e tirar, cambiándoa cara a unha economía circular. A ONU cumpre mañá, 5 de xuño, medio século predicando co Día Mundial do Medio Ambiente e denuncia nesta ocasión o uso abusivo do plástico. O éxito nesa loita queda exclusivamente na man de cada un de nós. A ver que facemos. Espero que aqueles versos de Jorge Manrique «Nuestras vidas son los ríos/ que van a dar en la mar/que es el morir», non haxa que interpretalos doutro xeito.