Tono Campos volve liderar o equipo español de maratón nun Europeo con sete arousáns

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Tono Campos (esquerda), xunto ao seu adestrador, Tania Álvarez e Diego Romero no último Mundial de Maratón.
Tono Campos (esquerda), xunto ao seu adestrador, Tania Álvarez e Diego Romero no último Mundial de Maratón. CEDIDA

A cita disputaráse entre o xoves e o domingo no encoro de Slavonski Brod (Croacia)

12 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A selección española de maratón desprazouse entre onte e hoxe ao encoro de Slavonski Brod, en Croacia, para disputar desde mañá xoves e ata o domingo o Campionato de Europa de piragüismo de fondo. Na expedición, quince padexeiros galegos, a metade deles, arousáns ou de clubs da comarca.

O grovense Tono Campos volve ser, un ano máis, o referente do combinado hispano. O seu reto en Croacia, sumar tres novos metais á ducia de medallas continentais que xa locen no seu palmarés, incluídos oito títulos entre a canoa individual e a dobre en distancia estándar. Campos será dos que participen na xornada de apertura do Campionato de Europa mañá. No seu caso, na proba de maratón curto de C1 sénior masculino, co seu compañeiro de C2 e no Breogán do Grove, Diego Romero, ocupando a segunda praza española na inscrición continental.

Con todo, será a Nerea Novo Romero, do Náutico Pontecesures, a quen lle corresponda abrir o programa do Europeo coa súa participación na regata polas medallas do C1 Júnior Feminino, mañá ás 8.50 horas. Ese mesmo día, pola tarde desde as 16 horas, pelexará polo podio do C1 Sénior de maratón curto, especialidade na que tamén competirá o tudense das Torres-Romaría Vikinga Iván Alonso Lage, no seu caso no K1 Sénior.

Iván Alonso optará ademais o sábado á gloria na proba do K1 de maratón distancia estándar, o mesmo que fará Tono Campos na modalidade de canoa.

O domingo, na cuarta e derradeira xornada do Campionato de Europa de Maratón, haberá cinco arousáns en acción. Desde as 8.50 horas, Tono Campos e Diego Romero, por un lado, e Fernando Busto e Diego Miguéns, das Torres-Romaría Vikinga, polo outro, tentarán asinar o seu segundo dobrete consecutivo para a selección española, cos breoganistas gañando o ouro e os catoirenses o bronce na edición continental do ano pasado en Silkeborg, Dinamarca. A grovense Tania Álvarez Yates disputará o K2 Sénior coa luguesa do Kayak Tudense Tania Fernández.