Eva Almazán e Xosé Antón Parada gañan o Plácido Castro de tradución

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

CARMELA QUEIJEIRO

O galardón está dotado con diploma e unha peza escultórica denominada Babelio, deseñada expresamente para o concurso por Xaquín Chaves, a maiores dunha dotación económica é de 2.000 euros

13 sep 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O premio de tradución Plácido Castro compartirase entre dous autores na súa vixésimo primeira edición. Tras avaliar os traballos presentados, o xurado acordou outorgar «ex aequo» o galardón do ano 2022 á tradutora Eva Almazán pola obra O ano do pensamento máxico/The Year of Magical Thinking, de Joan Didion; e a Xosé Antón Parada Fernández, por Código de Hammurabi e outras compilacións legais de procedencia babilónica. A cerimonia de entrega do premio celebrarase en Corcubión o 29 de setembro, véspera do Día Internacional da Tradución. 

Entre as calidades dos traballos recoñecidos este ano, no caso de Eva Almazán, o xurado destaca a excelencia da obra, de aparencia sinxela, pero coa dificultade engadida dos diferentes cambios de rexistro. Salienta tamén a elegancia da tradución

No caso de Xosé Antón Parada Fernández, sinala a excepcionalidade e dificultade da tradución directa dende unha lingua tan afastada do noso sistema como o acadio, realizada con enorme meticulosidade e numerosas anotacións complementarias. Resalta tamén que se trata dunha obra fundamental na historia da humanidade.

A Fundación Plácido Castro, da que o Concello de Vilagarcía é membro fundador, convoca anualmente o Premio de Tradución que xa se ten consagrado como un referente no sistema literario galego. O galardón está dotado con diploma e unha peza escultórica denominada Babelio, deseñada expresamente para o concurso por Xaquín Chaves, a maiores dunha dotación económica é de 2.000 euros. O certame conta na súa nómina de premiados con persoeiros como Lois Tobío, Xela Arias, Anxela Gracián, María Reimóndez, Camiño Noia, Mona Imai, Isabel Soto, Antía Veres ou María Alonso Seisdedos.

O xurado estivo composto por Ánxela Gracián, Beatriz Fariñas, Andrea F. Maneiro, Ana Luna Alonso, Xosé Antón Palacio Sánchez e Xulio Ríos .