O Arousa recibe en Vilaxoán a un Betanzos que vén a menos tras un gran inicio

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

ALBERTO LÓPEZ

Brais Vidal é baixa e Sylla era onte dúbida para o choque en Vilaxoán (12 horas)

29 oct 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O Arousa encara a súa última comparecencia en Liga antes do seu regreso, o vindeiro xoves no estadio municipal da Lomba, á Copa do Rei 30 anos despois, desta volta co Granada de Primeira División coma rival. Antes de pensar en desfrutar dun encontro así, o conxunto que dirixe Luisito Míguez vese apurado na procura da que debe ser a súa segunda vitoria cando xa estamos na oitava xornada do campionato regular.

Desde as 12, no Campo Municipal de Vilaxoán, a onde o club decidiu levar o duelo de Liga para preservar no mellor estado posible o firme da Lomba para o xoves, o Arousa enfróntase a un Betanzos que aparece na oitava praza da clasificación provisional con 10 puntos. Unha situación cómoda que sustenta sobre o seu excepcional inicio de calendario para un conxunto que volvía á Terceira RFEF tras moitos anos de ausencia. As súas tres vitorias nas catro primeiras xornadas permítenlle ver o seu anfitrión hoxe inda 3 puntos por debaixo, pese a que o Betanzos só foi quen de sumar un empate nas súas tres últimas comparecencias.

Luisito Míguez advertiu na véspera do choque do perigo do seu rival: «El Betanzos es un equipo muy duro, muy fuerte, muy aguerrido, que sabe a lo que juega, con mucho prestigio en la categoría. No arriesga nada, a nivel defensivo hace cosas muy buenas y deja 2-3 futbolistas descolgados para las transiciones ofensivas».

Nas filas locais o Arousa xogará sen Brais Vidal, lesionado, e con Sylla sendo dúbida ata o mesmo día do partido por problemas físicos.