Luisito, ante a visita do Rápido de Bouzas: «Tenemos que jugar cada partido como si nos fuese la vida»

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

O Arousa inicia a segunda volta ante un rival directo polos postos de promoción de ascenso

28 ene 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Sete días despois de completar a primeira volta, a Liga de Terceira R.F.E.F. inicia o seu segundo e definitivo treito. No caso do Arousa, recibindo na Lomba (17 horas) a un rival directo na pelexa xa non polo título e o ascenso directo, senón por unha das catro prazas con dereito a disputar a promoción á Segunda R.F.E.F.

O Rápido de Bouzas preséntase en Vilagarcía lixeiramente descolgado, 4 puntos por debaixo dun Arousa que arrinca a segunda volta pechando a zona nobre da táboa, quinto con 28 puntos. Coa Sarriana apertando desde atrás con 26 logo de gañar os seus catro últimos compromisos de Liga —hoxe recibe o colíder Gran Peña Celta C—, o Arousa encara o choque coa mesma urxencia do seu rival vigués. Máxime, co diferencial goleador en xogo, logo da vitoria do Rápido de Bouzas na xornada inaugural do campionato por 1-0 no céspede do Baltasar Pujales.

É máis, o adestrador do equipo arlequinado, Luisito, estende a obriga do Arousa de maximizar a rendibilidade do seu fútbol e minimizar os danos ao resto da temporada: «Empieza la segunda vuelta y cada punto es oro, cada punto que pierdas no lo vas a dar recuperado». O técnico de Teo recorda o pesado lastre que arrastra o conxunto vilagarcián desde o primeiro mes de Liga, pechado con tan só 2 puntos dos 12 disputados. Así as cousas, «tenemos que jugar cada partido de la segunda vuelta como si nos fuese la vida, porque si no no tendremos acceso a estar con los mejores», conclúe.

Do Rápido de Bouzas, Luisito advirte especialmente do perigo do seu dianteiro Gastón Cellerino, segundo máximo goleador do grupo galego con 8 tantos, dous deles de penalti. «Es un punta de otra dimensión, que a pesar de los años que tiene, de dos te mete una; para esta categoría va sobrado». Xunto a el, «futbolistas de un nivel impresionante, como Xián, Diego Diz, Christian...».

A directiva do Arousa vén de poñer en marcha a súa campaña de captación de socios na segunda volta da Liga, rebaixando os prezos dos seus carnés. Así, os interesados en apoiar o equipo de Luisito nos seus oito últimos partidos da fase regular na Lomba poden adquirir o seu carné a estes prezos: tribuna a 50 euros, tribuna xubilado a 40, preferencia a 40, preferencia xubilado a 35, sub 30 a 35 euros e sub 18 a 15.