Mar Barral: «A cerámica é como o ioga do cerebro»

Rosa Estévez
rosa estévez CATOIRA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

As prazas para o taller de elaboración de máscaras de Entroido esgotáronse hai días

09 feb 2024 . Actualizado a las 16:07 h.

Mar Barral decidiu celebrar o entroido este ano abrindo o seu taller de Abalo (Catoira) e organizando nel un obradoiro de elaboración de máscaras de cerámica. As máscaras son un elemento ben ligado a estas festas na honra de don Carnal, di a ceramista, que recoñece que en Galicia temos exemplos «espectaculares» deses elementos cos que cubrir a cara e transmutarnos noutra persoa, noutro ser.

Quen mañá participe na actividade organizada por Barral non vai levar necesariamente para a casa unha máscara de entroido. «Imos facer máscaras decorativas de cerámica», di a artesá que tamén será mestra. Asegura que, malia que poida parecer o contrario, facer unha peza deste tipo non ten tanta complicación. «É un taller de iniciación e verás como van saír cousas moi chulas de aí», asegura.

Se Mar Barral se animou a organizar este obradoiro foi pola insistencia da afección: «Moita xente me di que a ver cando fago talleres, que por que non dou clase... Nestes momentos non me podo comprometer a dar clases regulares, porque non sería compatible con como teño formulado agora o meu negocio, moi centrado na produción», sinala. Aínda así, desta volta animouse a facer este obradoiro e fíxoo, basicamente, porque detecta que «hai moita xente que busca este tipo de actividade case como unha forma de terapia, para desconectar».

Sinala Barral que a cerámica «é o ioga do cerebro». Un traballo manual que permite tomar conciencia dos sentidos, recuperar o traballo manual, volver conectar con materiais que veñen da terra e, sobre todo, «coa satisfacción que dá ver que podes facer cousas e que poden saír ben relativamente pronto».

Mar Barral sabe do que fala, porque leva anos impartindo clases a persoas con problemas de adiccións. Foi aí onde confirmou as bondades que a disciplina artística que ela escolleu ten en aspectos moi distintos das persoas. Axuda a focalizar a atención no traballo que temos entre mans, axuda a mellorar a motricidade, impulsa a autoestima ao ver «que se obteñen bos resultados en pouco tempo...». Sería estupendo, di a catoirense, que dende as administracións públicas se impulsase a realización deste tipo de talleres. «Estou completamente segura de que funcionarían, porque xa digo que hai un montón de xente buscando facer actividades deste tipo», recalca.

De momento, ela non ten tempo para pensar nesa opción. Porque dende o seu taller de Abalo, ademais de atender ao día a día do seu negocio, tamén se ten embarcado en varias aventuras artísticas que sairán á luz proximamente, segundo ten explicado. O 2024 vén cargado de actividade.