Vilagarcía decidirá o domingo os campións da Copa Galicia de 3H Resistencia de BTT

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

O Arousa Bike BTT preparou un circuíto de case 6 quilómetros na contorna do encoro

08 feb 2024 . Actualizado a las 22:27 h.

Este domingo, ás 10 horas, ao pé do encoro do Con no lugar de Castroagudín, daráse o pistoletazo á quinta e derradeira proba da Copa Galicia de 3 Horas Resistencia de BTT. Con tan só once meses de existencia, o club local Arousa Bike BTT gañouse a confianza da Federación Galega de Ciclismo, que lle concedeu a primeira proba na historia da modalidade que se celebrará na provincia de Pontevedra —as catro restantes concentráronse na da Coruña—.

O presidente do club, David Janza, salientou este xoves que a de Vilagarcía será a proba con maior participación das cinco da Copa Galicia: «Estamos contentos, porque si la media en estas carreras es de 250 participantes, en la nuestra serán 310, y porque tuvimos que cortar al no tener obsequios para más».

Janza explicou que os integrantes do Arousa Bike BTT botaron tres semanas traballando na preparación do circuíto de 5,7 quilómetros no que competirán os 310 ciclistas, divididos en oito categorías: cadete, júnior, sub 23, elite e master 30, 40, 50 e 60, que botarán 3 horas rodando sen parar para ver quen cobre maior distancia nese tempo. O presidente agradeceu a colaboración doutros dous clubs locais, o Trotacumes e o Castrobikes, tendo que empregar mesmo un tractor para deixar lista a contorna do encoro do con, toda vez que «estaba todo bravo, lleno de maleza», explicou Janza nun acto de presentación celebrado na casa consistorial vilagarciá xunto cos seus compañeiros de directiva José Ramón González e Yolanda Bóveda, acompañados do alcalde, Alberto Varela, do concelleiro de Deportes, Carlos Coira, e de dous participantes moi especiais: o ex triatleta e ex ciclista profesional Iván Raña e o amateur e grande esperanza local do deporte das dúas rodas Martín Rey.

Raña puxo a nota de humor á presentación cunha referencia ao grande ausente, un Gustavo César Veloso que escusou nun vídeo non poder estar presente por razóns persoais: «Gustaríame poder competir o domingo con Veloso e facerlle sufrir agora que non está tan en forma. No seu día el fíxome sufrir detrás da súa roda e gustaríame devolverllo».

Martín Rey, pola súa banda, enxalzou os organizadores: «Es de agradecer este tipo de iniciativas y al club por innovar con esta prueba. En Vilagarcía hay potencial ciclista suficiente para organizar este tipo de pruebas». O corredor do Padronés Cortizo confía en poder competir na edición do vindeiro ano.

Os que si estarán na liña de saída, cos 310 competidores partindo á vez, son a biker grovense internacional con España Lara Lois, o humorista e actor David Amor, que nun vídeo animaron a xente a seguir a carreira a pé de trazado, e o propio Iván Raña.

A carreira suma á súa compoñente deportiva unha vertente solidaria. O Arousa Bike BTT encargoulle as bolsas de avituallamento á Fundación Andrea, dedicada a apoiar economicamente a familias acompañantes de nenos con enfermidades de longa duración ou terminais internados en hospitais lonxe das súas casas. A Fundación recibirá a cambio este domingo un cheque da Deputación e contará cun punto de información sobre a súa actividade para os espectadores que se acheguen a ver a 3H BTT Vilagarcía.

Alberto Varela deulle as grazas ao club pola súa iniciativa e tomou a proba ciclista como exemplo, di, de: «A cantidade de xente inquieta con iniciativas, neste caso deportivas, que hai en Vilagarcía, organizando cantidade de campionatos xa non só dos dous deportes maioritarios», en referencia ao fútbol e ao baloncesto.