O Asmubal pon punto final a nove derrotas consecutivas cun empate vital no Porriño
AROUSA

O 32-32 permítelle ao equipo de Costas escalar dous postos na clasificación
20 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Visitaba o pasado sábado o Inelsa Solar Asmubal Meaño a cancha dun rival directo pola permanencia como o Porriño B. Facíao o cadro que dirixe Juan Manuel Costas sen rede de protección, logo de encadear nove derrotas nas súas últimas comparecencias na Liga da División Honor Plata Femenina. E o duro traballo feito polo adestrador meañés coas súas pupilas nas últimas semanas, case máis no eido psicolóxico ca no táctico, deu un gromo verde, sumando o seu primeiro punto en tres longos meses: 32-32.
Cos dous reforzos no mercado de inverno axudando, a lateral dereita Micaela Lusarreta con tres goles en ataque e a primeira liña e especialista defensiva Bruna Xavier fortalecendo o centro do escudo en 6-0 arredor da portería de Dolores Pulti, o Asmubal dominou o electrónico practicamente a totalidade do encontro, se ben con curtas diferenzas de non máis de catro goles. Tamén soubo resistir mentalmente ao volteo, mediada a segunda metade, que o Porriño B lle deu ao marcador, poñéndose dous arriba ante a súa afección. Todo, para desembocar nun final de infarto, con Laura Miniño convertendo o 32-32 definitivo a falta de 9 segundos para a conclusión
Con este resultado, o Asmubal escala dous postos, do penúltimo ao undécimo, con 12 puntos, 2 de colchón sobre o descenso.
FICHA DO PARTIDO:
RUBENSA PORRIÑO B (32): García-Navas, Raimúndez (1), Sofía Gull (5), Ana Isabel Gil (7), Aroa Fernández (1), Carme Castro (7) e Marta Martínez (3) —septeto titular—; Lago, Groba, Iria Benaches (2), Pereiro, Paula Cortiñas (1), Castiñeira, Athenea (4), Nayara e Andrea Fernández (1).
INELSA SOLAR ASMUBAL MEAÑO (32): Dolores Pulti, María Currás (2), Agustina Ballada (2), Victoria Domínguez (2), Micaela Lusarreta (3), Paula Rey (1) e Cárol Ferreira (9) —septeto titular—; Raquel Sineiro (3), Sabela Miniño (2), Andrea Cores, Bruna Xavier e Laura Miniño (8).
MARCADOR CADA CINCO MINUTOS: 2-3, 4-7, 8-9, 8-11, 9-13, 13-16 (descanso); 15-18, 18-21, 23-21, 25-26, 28-29 e 32-32.
ÁRBITROS E EXCLUSIÓNS: Estévez e Vázquez. Dous minutos á local Groba.