Afra Torrado, autora de «Fago o que podo»: «Este libro foi terapéutico, e a acollida aínda o está sendo máis»

Rosa Estévez
Rosa Estévez VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

O síndrome da impostora é o fío condutor dun cómic que a autora pensaba que «ían ler vinte persoas» e resulta que non: «Hai moita xente que se sinte identificada»

09 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A Afra Torrado o que máis lle gusta facer son fanzines. Leva xa tempo nese mundo, leva xa moitas historias debuxadas. Por iso, cando lle propuxeron facer unha escolma do seu traballo, decidiu asumir o reto e púxose a traballar. A obra saíu do prelo no mes de decembro e titúlase Fago o que podo. A frase sona a xustificación, a escusa, a petición de desculpas, e así o recoñece Torrado. «O título deixa ver unha certa inseguridade. Mirade, teño aquí este libro, levoume un traballo incrible pero... Eu que sei! Fixen o que puiden», explica a autora. Nas súas palabras agroma ese elemento tan feminino que se ten bautizado como «o síndrome da impostora»: a sensación de non estar á altura, de simplemente «facer o que podemos». «Esa idea está no libro, é como o fío condutor», sinala Torrado. Ela asegura que abordar esta obra tenlle axudado a «mellorar nese campo». «O libro foi terapéutico, e a acollida que está tendo aínda o está sendo máis», sinala. Non é de estrañar: cando asumiu o reto da editora Rodolfo e Priscila, «pensei que o libro o ían ler vinte persoas», e resulta que non, que xa van moitas máis. E non só iso: «Vexo que hai moita xente que se sinte identificada co que conto. Xente da miña xeración, xente de máis idade... E iso é algo que me sorprende moito», recoñece esta rapaza de 26 anos e natural de Bamio.

Nas páxinas de Fago o que podo conviven historias que formulan cuestións case existencialistas con outras das que brota a gargallada. «Eu son así no día a día», explica a autora. Hai días que estou raiada por todo, dándolle voltas á vida, e hai outros nos que me río. E creo que esa balanza está ben plasmada no libro», indica.

Ademais de autora de cómics, Afra Tarrío tamén escribe poesía, e os seus versos están recollidos en varios traballos colectivos. A autora ten dito nalgunha ocasión que ela debuxa todos os días, aínda que só sexan garabatos, pero que só escribe poesía cando ten algo que dicir. Pero aclara. «Só escribo poesía cando teño unha idea que quero expresar, pero os versos eu rescríboos tanto como faga falla ata que lles saco brillo».