O Asmubal pon un pé de regreso á Primeira Autonómica tras unha volta enteira sen gañar

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Lanzamento de Laura Miniño nun partido anterior da presente temporada
Lanzamento de Laura Miniño nun partido anterior da presente temporada MONICA IRAGO

As de Juan Manuel Costas perderon co

10 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Ao longo dunha liga hai partidos, e partidos. O que enfrontaba a última hora da tarde de onte o Inelsa Solar Asmubal Meaño co pechacancelas do Grupo A da División Honor Plata Femenina no Pabellón Mariano Haro era a máis básica das varas de medir o nivel de capacidade e de afán de resiliencia dun grupo en caída libre desde a perda da central Eli Méndez, o seu faro, no primeiro treito da competición. E o 30-27 a mans do Palencia Turismo non fixo máis ca debuxar a imaxe do conxunto meañés cun pé de volta na Primeira Autonómica Galega.

As de Juan Manuel Costas non foron quen de competir ante o peor equipo da Liga máis ca un cuarto de hora. Do 5-4 pasouse no minuto 20 a un 9-4, que se disparou ata o 17-9 no descanso, sen que o recurso do adestrador visitante a un tempo morto no minuto 19 surtise efecto.

Tras case dobrar no marcador o seu hóspede, o Palencia Turismo foise nove arriba no arrinque da segunda parte, nese momento no que o Asmubal Meaño debería ter demostrado a súa capacidade de resposta ante a adversidade, de realmente tela. De sete gañaba inda o conxunto local a falta só duns últimos cinco minutos nos que a súa vítima conseguiu a lo menos salvar o diferencial de goles entre os dous equipos de cara a un hipotético desempate pola permanencia.

Sabela Miniño, con sete tantos, foi a máxima anotadora do Asmubal Meaño, relegado agora polo Palencia Turismo, que sae do décimo cuarto e último posto para desafiuzar do segundo as de Juan Manuel Cores, agora décimo terceiras e penúltimas cos mesmos 12 puntos co novo pechacanchelas, o Siero. Con 13 puntos figuran o Palencia Turismo e o Rubensa Indupor Porriño B e con 14 o Oliveira & Faro Seaplast Cañiza. Estes son os cinco equipos chamados a pelexar por evitar o descenso nas catro xornadas que restan de calendario. O Asmubal perdeu doce dos seus trece últimos partidos, empatando o restante e completando unha volta sen gañar. A súa última vitoria data do 18 de novembro, precisamente ante o Palencia: 33-28.