A Bandeira de Bateis Porto de Vilagarcía contará mañá cun cento de embarcacións

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

P.P. VAZQUEZ

A proba comezará ás once da mañá

23 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

As augas do porto de Vilaxoán serán mañá, desde as once, o escenario da décimo sexta edición da Bandeira de Bateis Porto de Vilagarcía. A cita, organizada polo Club de Remo Vilaxoán e patrocinada pola Autoridade Portuaria da capital arousá, contará cun cento de embarcacións co seu medio milleiro de tripulantes procedentes dos once clubs de remo da provincia de Pontevedra. En xogo, unha bandeira para o mellor club das categorías masculinas e outra para a das femininas.

E é que a regata será a quinta parada da Liga Territorial Sur de Bateis. A quinta cando, explicou o presidente do C.R. Vilaxoán, Gelo Tarrío, durante a presentación na Autoridade Portuaria do evento na mañá de onte, debería ser a novena de non terse tido que suspender catro probas por cadanseu temporal. De feito, a día de onte Tarrío non as tiña todas consigo, en tanto «as previsións de vento non son as óptimas», comentou nun acto no que estivo acompañado, entre outros, pola directora da Autoridade Portuaria, Begoña Mesejo, e polo presidente da Fundación Municipal de Deportes de Vilagarcía e concelleiro do ramo, Carlos Coira.

A regata verá en acción as seis categorías femininas e outras tantas masculinas, de alevín a sénior, nunha nova estación intermedia cara ao Campionato Territorial Sur, a mediados de abril, unha semana antes do Galego. O C.R. Vilaxoán presenta seis bateis.