
As de Costas, que nunca foron quen de poñerse por diante no electrónico, caeron 30-27 na cancha do Camargo 74
26 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.O Inelsa Solar Asmubal Meaño caeu derrotado o sábado na súa visita ao Anabel Lee Camargo 74. Un equipo este da zona media da clasificación que co seu triunfo, 30-27, asegura a permanencia.
O cadro meañés tentou sorprender o seu anfitrión cunha defensa aberta en 4-2 de saída que o obrigase tamén a reforzar a súa concentración no arrinque do choque, un dos maiores problemas que están a lastrar as xogadoras que dirixe José Manuel Costas. A aposta permitiulle manter igualado o duelo os dez primeiros minutos, pero un parcial de 5-1 deulle ao Camargo 74 unha renda de seis tantos a falta de cinco minutos para o descanso que soubo administrar ben ata a conclusión.
O Asmubal tentou apertar á volta do paso intermedio por vestiarios, e chegou a poñerse a dous goles de desvantaxe mediada a segunda parte, con Laura Miniño desatada no ataque —anotou 14 goles, un máis que o resto das súas compañeiras—, pero ata aí chegou a reacción meañesa.
Por fortuna para os intereses do Asmubal, todos os seus rivais directos perderon os seus respectivos duelos da antepenúltima xornada de Liga da División Honor Plata Femenina. A competición para agora dúas semanas, ata o 13 de abril. Ese día, o cadro do Salnés, hoxe antepenúltimo cun punto sobre o pechacancelas, o Palencia Turismo, recibirá a un Fuentes Carrionas dous postos e outros tantos puntos por riba.
FICHA DO PARTIDO:
ANABEL LEE CAMARGO 74 (30): Natalia López, Costales (5), Femic (2), Urrutia (7), Ana Lopez (2), Tezanos (7) y Aida Gómez (1) —septeto titular—; Limón (3), Candela Diego, Sara Gutiérrez, Duna López (1), Aitana Antón, Mara Domínguez (2), Petrovic e Bouzgarrou.
INELSA SOLAR ASMUBAL MEAÑO (27): Lorena Ligero, María Currás (1), Agustina Ballada (5), Victoria Domínguez (1), Micaela Lusarreta (1), Paula Rey (1) y Cárol Ferreira (2) —septeto titular—; Sabela Miniño (1), Lucía Caneda, Andrea Cores (1), Bruna Xavier, Laura Miniño (14) e Dolores Pulti.
MARCADOR CADA CINCO MINUTOS: 4-3, 7-5, 10-8, 12-8, 14-8, 18-11 (descanso); 20-15, 22-19, 24-21, 26-23, 28-25 y 30-27.
ÁRBITROS E EXCLUSIÓN: Francisco Fernández e Daniel Álvarez. Sinaláronlle catro exclusións a cada equipo.