Os socialistas do Salnés amosan o seu respaldo ao eurodeputado galego Nicolás González

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

A situación do marisqueo, as axudas europeas e o sector vitivinícola centraron a visita a Vilagarcía do parlamentario en Bruxelas

03 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O vindeiro 9 de xuño é a data escollida por España para a celebración das eleccións europeas. Non se trataba aínda, polo tanto, dun acto electoral, pero o PSdeG-PSOE converteuse onte na primeira formación política da comarca do Salnés en situar o foco sobre o labor dos seus deputados en Bruxelas. A visita de Nicolás González Casares, eurodeputado galego, serviu para dar conta, na sé socialista de Vilagarcía, da lexislatura que está a piques de rematar. Un acto no que os seus compañeiros arousáns expresaron o seu apoio ao seu representante no foro comunitario.

«Nicolás —anotan fontes do PSOE en Arousa— recibiu o apoio unánime dos socialistas da comarca polo seu gran labor na defensa dos intereses de Galicia, e especialmente do Salnés». Entre os logros que salienta o PSdeG atópase a consecución da prestación que as mariscadoras e os mariscadores recibirán para paliar as consecuencias do desastre que están a padecer as rías. Unha axuda que chegará a través do Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura (Fempa). Á marxe desta cuestión, o encontro debullou outra cuestión de especial interese para a bisbarra: a actividade vitivinícola.