O programa Xogade permitirá a nenos probar en Vilagarcía motos de velocidade
AROUSA
![](https://img.lavdg.com/sc/ROaLtO5CHrUQSX8NMyzgUjS4yDk=/480x/2024/04/04/00121712236622365916505/Foto/F03M9104.jpg)
A capital arousá acollerá a sexta e última das citas da iniciativa promovida pola Xunta xunto a VF Timing e a Federación Galega de Motociclismo
04 abr 2024 . Actualizado a las 15:19 h.A Xunta de Galicia, da man da empresa VF Timing e da Federación Galega de Motociclismo, vén de poñer en marcha a segunda edición de Xogade coas motos, unha actividade destinada a aquelas rapazas e rapaces de entre 6 e 16 anos que queiran probar unha motocicleta de velocidade por primeira vez nunha contorna completamente segura.
Seis son as paradas este ano do Xogade coas motos, que no 2023 visitara Vilanova de Arousa. A última delas, programada o 12 de outubro en Vilagarcía de Arousa. Tras a celebración da actividade o 16 de marzo en Monterroso, San Cibrao das Viñas, o día 27 do presente mes, Laracha, o 25 de maio, Betanzos, o 29 de xuño e As Pontes de García Rodríguez, o 31 de agosto, serán os outros destinos da caravana.
Desde a Xunta, explican que Xogade coas motos «pretende fomentar o motociclismo de base facilitando o acceso dos máis pequenos á velocidade. A actividade ten como finalidade saber se ao neno lle gusta o deporte do motociclismo». Con tal fin, facilitaráselles o día da experiencia o acceso gratuíto ás motos, monos e cascos para realizar distintos exercicios de habilidade que serán dirixidos por monitores que valorarán o nivel de cada rapaz participante, do que informarán despois aos seus pais. O ano pasado foron 110 nenos os que se sumaron ao programa, cunha decena adestrando hoxe con vistas a competir no futuro.