EU acusa o goberno de Alberto Varela de «ruralfobia» por pretender usar a vía Guillán-Bamio de circunvalación

P.P. Vázquez VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

24 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O voceiro do grupo municipal de Esquerda Unida, Juan Manuel Fajardo, acusa o goberno socialista de Alberto Varela de «ruralfobia ao pretender trasladar o tráfico da humanizada zona centro ao rural do concello». Unha acusación coa que acompaña a súa crítica ao anuncio do alcalde vilagarcián durante a presentación das obras de mellora da vía que une Bamio e Guillán, na que, sostén Fajardo, Varela dixo pretender converter a mellorada vía de comunicación entre ambos puntos do rural do municipio «nunha circunvalación alternativa ante o colapso da avenida Rosalía de Castro». 

Sobre esta premisa, o líder local de EU afirma que «para o equipo de Alberto Varela existen veciños de primeira e de segunda. Mentres se humaniza e peonaliza o casco urbano expulsando o tráfico rodado, este é derivado ao rural, onde non existen nin as infraestruturas nin os medios necesarios para garantir a seguridade viaria» en tanto carecen de beirarrúas e camiños peonís alternativos. Un escenario que leva a Fajardo a concluír: «Hoxe é máis fácil pasear polo centro de Vilagarcía que polo noso rural, o que fai que hoxe vivir no rural sexa un perigo en termos de seguridade viaria. Hoxe os veciños do rural soportan o tráfico expulsado do centro, sen medidas alternativas, nin camiños seguros, nin transporte público eficaz».

Desde Esquerda Unida atribúen o escenario debuxado á «falla de planificación» por parte do executivo municipal socialista, para acabar denunciando: «Hoxe os veciños de Trabanca, da Torre, de Guillán, da Laxe ou de Cornazo observan as súas antes tranquilas rúas convertidas en circunvalacións alternativas por culpa da improvisación do goberno local».