«En cantos torneos o Real Madrid acaba décimo cuarto? En ningún máis ca neste»

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

CAPOTILLO

PSG, Atlético de Madrid e Ajax xa saben por que non xogaron o AF7 2024

22 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O Paris Saint Germain (PSG) remataba un ano atrás penúltimo na clasificación dos 20 equipos da fase final do Torneo Internacional Alevín Arousa Fútbol 7. Un pouquiño máis adiante, no posto décimo sétimo, aparecía o nome do Atlético de Madrid, e avanzando ata o décimo cuarto atopabamos o do AFC Ajax de Ámsterdam. Os tres, grandes clubs de Europa, pretendían quitarse o mal sabor de boca da paupérrima imaxe ofrecida polos seus equipos no 2023 sobre o céspede da Senra e achegarse este ano á condición de campións da cita arousá que adquiriron nalgunha das 26 edicións anteriores. A resposta dos organizadores do AF7 foi un non.

A razón, explicábao o director do torneo na presentación da disputa da vixésimo sétima edición, é a procura constante da excelencia deportiva por parte dos responsables do torneo internacional alevín. E esta semana, concluído o campionato co F.C. Barcelona coma campión, o visto no complexo polideportivo de Ribadumia sérvelle a Alberto Diz de argumento sen fisuras ante o lamento do PSG, do Atlético de Madrid e do Ajax por verse fóra dun dos torneos alevíns que ano tras ano ratifica o porqué da súa reputación a nivel internacional.

Dos 16 equipos presentes por invitación directa da organización —os catro restantes clasifícanse a través dunha fase previa que lles serve de vía de acceso a clubs modestos—, catro disputaban o AF7 por primeira vez. Un deles, o Nordsjaelland de Dinamarca, chegaba aos cuartos de final, apeado na quenda de penaltis por outro debutante, o Levante, que remataría terceiro. O AC Milan quedárase nos oitavos, goleado por Nordsjaelland, 1-4, mentres o cuarto novato, o Dinamo de Zagred de Croacia, caía na mesma rolda a mans do Kashiwa Reysol de Xapón, que xunto co cadro levantino e co danés, fixéronse acredores do rol de equipos revelación do XXVII Arousa Fútbol 7.

«Os equipos novos estiveron moi ben. É unha satisfacción para nós, que temos que buscar e elixir os mellores 16 equipos combinando os grandes nomes do mundo do fútbol por historia con outros novos cada ano. Quedounos un nivel deportivo moi alto, quizais mellor có do ano pasado», sentenza Alberto Diz. «Estamos moi contentos da repercusión que ten gañado o torneo, de ser un sitio no que queren estar as mellores academias. En cantos torneos o Real Madrid acaba décimo cuarto? En ningún máis ca neste», conclúe o director do AF7.

É por iso, e pola amplísima nómina de futbolistas hoxe consagrados na elite que pasaron polo campionato arousán, que convén quedarse co sete ideal desta vixésimo sétima edición: Milas Gade Jensen (dorsal 1 do Nordsjaelland), John Ovie Adams Silva (3 do F.C. Barcelona), Salvador de Oñate (7 do Real Betis), Liam Videla (5 do Levante), Tsubasa Ide (10 do Kashiwa Reysol), Fode Diallo Conde (7 do F.C. Barcelona) e Sergio Rodríguez (10 do Valencia C.F.). Adams foi elixido ademais mellor xogador do torneo.