Diego Romero e Iván Alonso abren a captura de prazas arousás para o Europeo de Maratón
AROUSA
Os padexeiros do Breogán e das Torres entran na selección na distancia curta
08 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.O encoro ourensán de Castrelo de Miño marca esta semana un dos puntos de inflexión da temporada da elite española do piragüismo de fondo. O Campionato de España de Maratón decide entre hoxe e mañá os integrantes da selección hispana que do 25 ao 28 de xullo disputará o Campionato de Europa en Poznan, Polonia. Antes, no día de onte, a Real Federación Española de Piragüismo organizou a escolla dos dous padexeiros por modalidade, caiac masculino e feminino e canoa masculina e feminina, que participarán na cita continental nas probas de distancia curta, isto é, sobre 3.000 metros, nada que ver coa distancia tradicional estándar do maratón, por riba dos 10 quilómetros. E o selectivo confirmou os dous primeiros internacionais do piragüismo de fondo arousán da temporada.
Na canoa sénior masculina, Diego Romero Fraga, do Breogán do Grove, fíxose coa segunda das dúas prazas en xogo. Cedendo tan só ante o maior pico final de velocidade de Ignacio Calvo, do Escuela Piragüismo Aranjuez, vencedor no duelo ao esprint cun tempo de 16.35,61, 0,96 centésimas de segundo menos ca Romero. Gonzalo Moreno, do Club Náutico Sevilla e terceiro en meta, chegou xa a 19 segundos de Calvo nunha proba na que o grovense do Breogán Tono Campos optou por retirarse no segundo porteo cando ía próximo os dous protagonistas do desenlace da proba curta da canoa masculina. As malas sensacións nese momento, explicou tras a proba, levárono a optar por reservarse para as dúas probas da distancia estándar este fin de semana. Primeiro campión do mundo da historia do C1 curto, no 2019 en Shaoxing (China), ouro ao que sumou tres anos despois un segundo título mundial en Ponte da Lima, Portugal, este ano e tras o feito onte, Romero volverá ter a oportunidade de conseguir o primeiro ouro continental na distancia curta, logo de colgarse o bronce o ano pasado en Slavonski Brod.
O mesmo posto do breoganista, segundo, conseguiu o tudense do Club Piragüismo As Torres-Romaría Vikinga de Catoira, Iván Alonso, na regata polas dúas prazas europeas do K1 curto. A súa historia foi moi semellante á de Diego Romero, superado nun ti a ti practicamente sobre a liña de meta de Castrelo de Miño por outro deportista do Escuela Piragüismo Aranjuez. No seu caso, por Adrián Martín, primeiro cun crono de 14.38,65, polos 14.39,85 de Iván Alonso (+1,20 segundos). Ata o terceiro en discordia, Adrián Prada, do Club Piragüismo Rías Baixas-Boiro, rematou coma no C1 case á mesma distancia, 18 segundos e medio.
As outras opcións
Entre hoxe e mañá disputaráse en Castrelo de Miño o Campionato de España de Maratón. O sábado, con actividade de mañá e de tarde, centrado nas probas individuais das categorías cadete, júnior, sub 23 e sénior. Nas tres últimas, servindo de selectivo na distancia estándar de cada modalidade e categoría de idade, ao igual que sucederá mañá domingo cos barcos dobres. As dúas primeiras piraguas sub 23 e séniores e as gañadoras júniores faránse con cadansúa praza na selección que irá ao Campionato de Europa do vindeiro mes.
Ademais de Diego Romero, de Tono Campos e de Iván Alonso, o piragüismo arousán ten moitas opcións de ver na cita continental de Poznan as breoganistas Tania Álvarez e Marta Mourelos, no caiac sénior, e os padexeiros das Torres-Romaría Vikinga Iker Rey, júnior, Kevin Longo, sub 23, e Fernando Busto e Diego Miguéns.