Revenidas pecha o seu cartel con Muchachito Bombo Inferno, Miss Bolivia e Dakidarría

Serxio González Souto
serxio gonzález VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

Catuxa Salom y De Ninghures súmanse a través dos conciertos Vibra Mahou

21 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Revenidas, o festival que cada ano pecha o verán musical galego, vén de rematar a confección do seu cartel para a edición que este setembro se desenvolverá en Vilaxoán (Vilagarcía de Arousa) entre o 12 e o 15 de setembro. Estas últimas incorporacións chegan cargadas de potencia. Para comezar, Miss Bolivia, que visitará ao mar de Arousa co seu novo traballo, Bestia, e o frescor do día. Unha referencia internacional da música urbana de mestizaxe que vén coma mel nas filloas para outra das fichaxes: Muchachito Bombo Inferno, a extensión de Jairo Perera, unha das figuras desa mestura de músicas e culturas que tomou Barcelona na era postolímpica.

Revenidas conta tamén con The Tyets, un dúo de Mataró que fai bailar o trap co reguetón, os ritmos latinos e as influencias pop; o primeiro grupo catalán que foi quen de superar o millón de oíntes mensuais en Spotify. Xavier Sarrià, líder dos extintos Obrint Pas, despedirase de Galicia dende o escenario de Vilaxoán. Trashtucada, sete tipos que montaron en Chiclana a súa enérxica banda de rock. E Muyayo Rif, tamén cataláns, oito músicos capaces de fusionar punk, ska, reggae, latin e rock.

Rebeliom do Inframundo

A pegada galega é un dos trazos de identidade do festival arousán. Ás bandas xa confirmadas únense os vigueses Rebeliom do Inframundo, que conclúe a súa xira e ofrecerá en Vilaxoán un concerto único, repleto de invitados, baixo a denominación Rebeliom do Inframundo é un movemento. Dakidarría, unha presenza constante e sempre ben recibida, García MC& Nación Qilombo, Mekanika Rolling Band, Uxía Lambona e A Banda Molona súbense ao carro revenido, que completan Yaya Dj e a veterana Duendeneta.

Mención aparte merecen as dúas bandas que foron seleccionadas a través do acordo que manteñen Vibra Mahou e a Fundación Paideia Galiza co fin de apoiar o talento musical. A través desta vía estarán en Revenidas Catuxa Salom, una artista vilagarciá de raíces arxentinas que lidera o seu propio proxecto e hai dous anos gravou o seu primeiro traballo, Nunha aldea. E De Ninghures, probablemente a banda revelación deste ano en Galicia, que defenderán en directo todo un hit coma Morena.

Polo que respecta ao acceso, os abonos para os catro días xa están á venda na web www.revenidas.com a un prezo de 63 euros máis gastos de xestión. Tamén poden atoparse as entradas diarias. As primeiras 500 venderanse a 33 euros (xoves) e 38 euros (venres e sábado). Os bonos dan a opción de reservar praza por dez euros na zona de acampada do Rial, a piques de se esgotar, aínda que hase habilitar outro espazo na Pelada. Grazas á colaboración da Dirección Xeral de Xuventude, os primeiros 200 titulares do Carné Xove que merquen os seus abonos disporán dun desconto do 15 % no seu prezo.