Albas de gloria, música de raíz para conmemorar o 25 de xullo en Cambados

La Voz CAMBADOS / LA VOZ

AROUSA

La alborada musical partirá de Santo Tomé
La alborada musical partirá de Santo Tomé MONICA IRAGO

Con de Xido, Xironsa e Corvillón protagonizarán unha marcha musical e tres sesións vermú no Día de Galicia

19 jul 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A concellería de Ensino, Cultura e Patrimonio de Cambados programa unha xornada moi especial baseada na música tradicional para conmemorar, o 25 de xullo, o Día de Galicia. Baixo o título de Albas de gloria, tres formacións culturais do municipio arousán protagonizarán unha alborada que, partindo do núcleo de Santo Tomé, percorrerá as súas rúas ata chegar ao centro da vila nunha marcha de fonda raíz galega.

O concelleiro Liso González explica que as tres agrupacións son Con de Xido, Volandeira e Xironsa de Corvillón. «Sendo o Día da Patria Galega, a idea é que a xornada se impregne de sabor a terra, a Galiza, nun percorrido único que as tres asociacións levarán a cabo partindo de Santo Tomé», subliña González.

Unha vez completada esa andaina musical, cada unha das formacións encargarase da súa propia sesión vermú. O programa desenvolverase nas prazas de Alfredo Brañas, As Rodas e San Gregorio, e na propia Rúa Real de Cambados.

Música na fin de semana

O programa musical da semana proseguirá o sábado, en Santa Mariña, co concerto Sons do Verán a cargo dun grupo vocal, a partir das nove da noite. Por último, a Banda de Música de Castrelo actuará o domingo, ás doce e media, nos xardíns de Torrado.