A Carreira Nocturna de Vilagarcía reunirá uns 300 atletas este sábado

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

A proba obrigará a cortes de tráfico escalonados a partir das cinco da tarde

23 jul 2024 . Actualizado a las 20:39 h.

A Carreira Nocturna de Vilagarcía apréstase a vivir unha edición especial. Non en van, non son tantas as probas de atletismo que cumpren 20 anos, a lo menos na comarca. Este martes, o concelleiro de Deportes e presidente da Fundación Municipal do ramo, Carlos Coira, informou dos detalles da cita deportiva, programada para este sábado. Acompañado do director da Fundación, Juanmi Doval, e do concelleiro de Turismo, Álvaro Carou, Coira prevía a escasas horas do peche da inscrición —onte ás 23.59 h.— contar con algo máis de 300 atletas no centro da capital arousá.

Os máis novos abrirán a proba ás nove da noite, coa carreira de 100 metros dos Sub 6, ás que seguirán as dos Sub 8 e 10, de 500 metros, as dos Sub 12 e 14, de 1.000, e a dos Sub 16, de 1.800. Acto seguido, ás 22.30 está prevista a saída das categorías incluídas no trazado absoluto de 10.000 metros. Desde a Praza da Segunda República, os Sub 18, sénior e veteranos cubrirán un percorrido urbano e totalmente chan polas rúas Rivero de Aguilar, Valle Inclán, García Caamaño, Alexandre Bóveda e Elpidio Villaverde, antes de regresar ao punto de inicio para cruzar a meta.

Cortes de tráfico

Coira informou de que os cortes de tráfico obrigados pola Carreira Nocturna comezarán ás cinco da tarde, co peche da Avenida da Mariña. Ás oito e media a medida ampliaráse á rúa Rivero de Aguilar, estendéndose á totalidade dos viais do circuíto ás dez da noite. Con todo, desde o Concello aclaran que a circulación rodada continuará aberta tanto na rotonda do Porto coma na que dá acceso a Rivero de Aguilar.

O responsable municipal de Deportes salientou na presentación a moita e potente actividade deportiva rexistrada na localidade a fin de semana pasada, co mundial júnior de tres clases olímpicas de vela e o Celta-Vizela, e a que vén por diante nesta coa Carreira Nocturna e, o domingo, a Travesía a Nado Porto de Vilagarcía.