O escritor e xornalista Alberto Avendaño, pregoeiro do San Roque 2024

R. C. / S. G. VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Sairá ao balcón da Casa Consistorial o mércores, 14 de agosto, ás 20.30 horas

28 jul 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Alberto Avendaño, nado en Vigo en 1957, será o sucesor de María Foscaldo, La Repunante, como pregoeiro das festas de San Roque en Vilagarcía. O escritor e xornalista, afincado na cidade tras regresar de Estados Unidos, onde desenvolveu unha exitosa carreira profesional, sairá ao balcón da Casa Consistorial o mércores, 14 de agosto, ás 20.30 horas. Despois, como vén sendo tradicional, haberá un desfile de asociacións e colectivos que farán unha ofrenda floral ao santo diante da igrexa e, xa pola noite, Guadi Galego protagonizará o primeiro dos grandes concertos —ás 22.30—, que se complementará cunha sesión de La Duendeneta na Alameda a partir das 23.30 horas.

Alberto Avendaño é escritor e xornalista cunha vida en dous mundos e en tres idiomas. Defínese como un «emigrante retornado» que escolleu Vilagarcía para, tras trinta anos fóra, ofrecerlle á súa familia unha referencia de vida e de cultura. É membro numerario da Academia Norteamericana de la Lengua Española; recibiu os galardóns máis importantes da prensa hispana de Estados Unidos; e conta con tres Emmy da academia da televisión estadounidense.