Denominación de orixe The Rapants en Fefiñáns

M. SANTAMARÍA-SERANTES / S.G. CAMBADOS / LA VOZ

AROUSA

MARIA SANTAMARIA

A banda de Muros fixo botar ao público no seu bautismo na Festa do Albariño

02 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Persoas saltando, mozos levados polo aire enriba da multitude finxindo ser un avión e grupos de persoas que veñen dende Inglaterra só á Festa do Albariño. Isto foi o que aconteceu o mércores, ás once e media da noite, na praza de Fefiñáns, en Cambados, cando The Rapants desataban a loucura no escenario.

A encargada de estrear o espazo fora Katuxa Salom, que se despedía co seu maior éxito Nunha Aldea, tras un espectáculo que quecía aos presentes.

Despegaron os avións

Cánticos e gritos precederon ao grupo de Muros antes de saír ao escenario, onde activaron a Máquina del buen rollo con Meu cariño ao tempo que declaraban ter probado xa o albariño da zona e decidir que todos os asistentes ao espectáculo quedaban declarados como persoas de denominación de orixe The Rapants. A maiores anunciaron a modo de mofa que có código do grupo podíase adquirir o ouro líquido que se vende no paseo da Calzada, aínda que algúns seguro que foron comprobalo.

No concerto houbo tempo a todo, incluso a que Samuel, guitarra e voz, se emocionase ante o que estaba a pasar diante de eles, aínda que Xanma, tamén guitarra e voz, mofábase dicindo que a culpa era do viño que xa tomaron. Sen abandonar en ningún momento o escenario, o popular grupo tocou diferentes cancións do seu repertorio con Matías, baixo e teclado, vestido de rei triunfante ante o éxito alcanzado nos últimos anos, mentres Xaquín, batería, tocaba á dereita do palco. Na metade do espectáculo toda a praza de Fefiñáns comezou a cantar sábado, aínda que na realidade aínda estaban a mércores.

Canto máis se ía achegando a fin da noite, máis impaciente estaba o público, as camisas xa voaran, xa fixeran competicións entre eles sobre que parte do público, dereita ou esquerda, era o que máis se movía, ata o punto de recrear un «saltamontes» mecánico cos brazos de cada persoa.

Os catro mozos comezaron a recta final con Blaster w4u e Rue Franklin, dous dos temas máis coñecidos do seu último álbum, seguido dunha das cancións que desatou a verdadeira histeria entre os presentes, O avión. Neste momento o público converteuse nun barullo de corpos saltando e batendo entre eles en círculos, un práctica moi popular nos espectáculo de hoxe en día. No punto álxido do tema, entre as luces do escenario asomou o corpo dunha persoa, que levantada sobre os brazos da xente e recortada a súa silueta, finxía ser un avión por encima dun mar de emocións.

Un final sen espiñas cravadas

A sorpresa chegou cando os popularmente coñecidos rapantes pediron que se levantasen os móbiles coa lanterna e interpretaron unha versión de El Farsante, de Ozuna. Para rematar, tocaron a canción de amor galega, La favorita, mentres que a praza entoaba para gritarlles: «Díxenlle a mamá que ía ser un artista» aos verdadeiros monstros, en todo o bo sentido da palabra, que tocaban no escenario, aos que nin a choiva fina que caía os paraba. Na despedida, os compoñentes agasallaron púas de guitarra as persoas en primeira fila a modo de recordo. Cando por fin baixaron do escenario e recolleron os instrumentos, comentaban que esperan estar á altura dunha festa como o Albariño de Cambados. Os asistentes teñen clara a súa resposta.